Xuízo a un madereiro
Fecha Martes, 01 noviembre a las 19:13:54
Tema PHP-Nuke


 O administrador único da empresa Nebril Forestal SL, J.R.N.B., sentou onte no banco dos acusados do Xulgado do Penal 2 de Ferrol para responder dun suposto delito continuado de falsificación de documento oficial e outro, tamén continuado, de furto de especial gravidade, polos que o fiscal solicita que se lle impoñan a pena de tres anos de prisión, 4.320 euros de multa e a obrigación de indemnizar á Entidade Pública Empresarial do Solo (Sepes) coa suma de 51.938 euros. Un problema na citación do perito propiciou que o xuízo teña que continuar o próximo 23 de novembro, a fin de que informe sobre a valoración da madeira talada.



A acusación contra o maderista cedeirense é exercida polo Ministerio Fiscal e o avogado do Estado, en representación da Sepes, e, entre outros, interviñeron como testemuñas o presidente do Porto de Ferrol, Angel del Real Abella, que foi a persoa que descubriu os supostos feitos delituosos cando era tenente de alcalde de Valdoviño; e Juan Carlos Revilla, xefe da Unidade de Mantemento e Conservación da Sepes.
Os feitos que se atribúen a J.R.N.B. ocorreron no ano 2008, cando realizou unha tala de árbores en momtes propiedade da entidade estatal coñecidos como As Boeiras e que están situados entre Narón e Valdoviño. O acusado xustificou a súa actuación ante a Policía Local de Valdoviño, que foi a que primeiro estivo no lugar da tala, e despois ante o Seprona, achegando uns documentos da Sepes que, ao parecer, resultaron ser falsificados.
O acusado declarou que unha persoa chamada Valentín Castro Sánchez chamouno por teléfono para preguntarlle se lle interesaba limpar os montes das Boeiras e que el aceptou, engadindo que ese intermediario, co que xa traballara máis veces, encargouse de todo o papelorio e indicoulle que xa podía comezar.
Manifestou, así mesmo, que por ese e outros encargos pagoulle 3.000 euros, e esa factura foi a que posteriormente achegou á Garda Civil para que puidesen localizar ao aludido intermediario.
Ademais de falar con el por teléfono mantiveron algúns encontros no Hotel Río do Pozo, onde, segundo dixo, Valentín entregoulle a suposta documentación da Sepes, sobre a que, asegurou, nunca tivo sospeitas de que fose falsa.
No transcurso do interrogatorio, o acusado manifestou que a   testemuña Valentín Castro Sánchez, que estaba no corredor esperando para entrar na sala de audiencias, non era o intermediario e que non o coñecía de nada, negando que traballase para el tallando madeira.
Cando a testemuña en cuestión entrou a declarar recoñeceu ante a xuíza que o nome e o DNI que figuraban na factura dos 3.000 euros presentada polo acusado eran os seus, pero non a firma e que el nunca interviñera de intermediario. Engadiu que traballou para el un par de meses no monte e que, durante ese tempo, falaron en varias ocasións, polo que o maderista tiña que coñecelo.
Anxo do Real testificou que se decataron da talla por casualidade. Explicou que, coincidindo cunha orde da Xunta de limpar as leiras para evitar incendios, el "era tenente alcalde de Valdoviño" dirixiuse á Sepes solicitando a roza dos montes das Boeiras e aos poucos días alguén lle comunicou que xa estaban a limpar, polo que volveu contactar co organismo estatal para agradecer a prema. A resposta foi que non autorizara ningún labor nesas propiedades.
Un policía local de Valdoviño comprobou que se estaba facendo a talla e falou co maderista, que lle entregou a documentación supostamente falsa. Despois comunicaron os feitos ao Concello de Narón "a zona na que a empresa Nebril estaba a actuar estaba dentro deste termo" e á Garda Civil, que tamén inspeccionou a talla e recibiu nova documentación.
Os axentes da Benemérita  explicaron as xestións que realizaron para localizar a Valentín Castro en diferentes cidades de España e ao que, finalmente, localizaron en Viveiro, practicando a mendicidade e residindo nunha antiga casa reitoral. O aludido negou ser o intermediario e o acusado tampouco o recoñeceu como tal, asegurando que a persoa que lle ofreceu o traballo nas Boeiras é outra.
A testemuña da Sepes, pola súa banda, negou que a firma das autorizacións de limpeza do monte fose a súa e engadiu que o propio logotipo da entidade que figuraba neses documentos era unha basta imitación. O xuízo continuará o día 23 de novembro.

Link: DFONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=1779