SAMAIN 2011 - Concello de Cedeira
Fecha Martes, 25 octubre a las 13:05:09
Tema PHP-Nuke


Cedeira celebra esta fin de semana a Festa do Samaín, unha tradición da Galicia rural que recuperaron hai máis de vinte anos e que na actualidade se celebra en moitos concellos de todo o país. 

A de 2011 será a XXII edición dunha iniciativa que se reivindica como propia, libre de comparacións co cada vez máis omnipresente Halloween, exportado desde os Estados Unidos. “Avós e pais fixeron memoria; remexendo nunha infancia non tan afastada, lembrando cando se xuntaban uns cantos amigos e amigas para ir coller os melóns e as cabazas ás hortas. Logo baleirábanas e íanas modelando ó xeito de caveiras de defuntos. Á noitiña, colocaban dentro a candea e prendíanlle lume”, explican desde a Asociación de Amigos do Samaín. “Logo había que buscar un lugar para deixala; tiña que ser un curruncho dunha ruela onde puidese sorprender e asustar ás persoas que lles cadrase pasar por alí”.
O Samaín actual non mete tanto medo porque a luz eléctrica desfixo moitos terrores. Aínda así, en Cedeira non renuncian a algún que outro susto, sobre todo cunha terrorífica Casa das Ánimas e co Pasarrúas de Pantasmas que se celebra o sábado, a partir das 20.30 horas, coas luces da vila apagadas.
As actividades comezarán xa o venres, cun fiadeiro de castañas e un obradoiro de caveiras no Paseo do Pinzón, a partir das seis da tarde. Alí haberá zonchos (castañas cocidas coa súa pel) preparados para facer colares. Ás oito, o grupo Ringo Rango ofrecerá un espectáculo de circo, música e humor e ás dez da noite, no río, inaugurarase o Samaín 2011, coa Queima da Cabaza.
O groso do programa deseñado pola Asociación de Amigos do Samaín concentrarase na tarde do sábado 29. Ás cinco comezará, no Paseo do Pinzón, un concurso de cabazas, con premios para as máis chamativas polo seu tamaño, presentación e orixinalidade. Tamén a esa hora abrirase o prazo de inscrición para a yincana, que os máis ousados poderán rematar cunha visita de medo á Casa das Ánimas.
Fusa Guillén encargarase do obradoiro de maquillaxe, para levar a cara acorde ó momento, e tamén haberá unha merenda a base de bola de azucre e requeixo. Os contacontos de Ni Fú ni Fá e a festa que transmitirán ós transeúntes os de Ánima Rúa cederán o protagonismo ó Pasarrúas das Pantasmas, que percorrerá a vila. Ó remate entregaranse os premios do concurso de cabazas.
Aínda o martes 1 de novembro haberá actividades, coa representación, no auditorio municipal, ás oito da tarde, de “Mackie, o Navallas”, a cargo da compañía Bartoleta Teatro.

Link: DFONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=1774