Concello de Cedeira - Tempada turística en positivo
Fecha Jueves, 15 septiembre a las 11:31:22
Tema PHP-Nuke


O Concello de Cedeira foi pioneiro na creación permanente dun servizo municipal para a atención dos visitantes. Aquela iniciativa do ano 1992 segue dando froitos, se por iso entendemos os bos resultados conseguidos na campaña turística que está a piques de botar o peche. A pesar dun verán non moi convencional, da crise e doutros posibles factores, a vila de Cedeira segue rexistrando unha afluencia de visitantes que para si quixesen ter outras poboacións.



Así, segundo os datos que a día de hoxe barallan os responsables municipais de Cedeira unhas 120 persoas de media ao día son as que pasaron ao longo dos dous últimos meses pola oficina de información turística situada no centro urbano da vila. Por conseguinte, foron máis de 7.500 os visitantes que recorreron a un servizo gratuíto para ter acceso a informacións varias. As actividades, as posibles visitas e os lugares de interese son as demandas máis comúns duns viaxeiros que se achegan á vila desde moi distintos puntos da xeografía española e tamén desde o estranxeiro.
Neste último caso, hai que sinalar a presenza bastante numerosa este verán de ingleses, franceses, alemáns e italianos, mentres que, no apartado de visitantes nacionais, cabe reiterar que os madrileños, un ano máis, convértense nos veraneantes máis fieis de Cedeira, en cuxo municipio algúns deles xa fixaron a súa segunda residencia. No entanto, desde o servizo de atención ao visitante tamén se destaca a presenza este ano dun elevado número de turistas procedentes de Toledo, Segovia e Salamanca, así como a presenza cada vez máis numerosa de cataláns e andaluces.
O servizo que, no verán abre todos os días da semana, tamén é utilizado para dar a coñecer outros lugares emblemáticos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. A serra da Capelada, a zona do Cabo Ortegal, o santuario de San Andrés de Teixido, as praias de Ferrol e a propia cidade naval son algúns dos destinos.
A eles, ademais, hai que sumar este ano a visita guiada ao castelo da Concepción, unha opción que aínda se mantén e que fixo posible que unhas 900 persoas coñecérono nos dous últimos meses. A visita é gratuíta "en horario de once da mañá a dúas da tarde" e pon ao viaxeiro en contacto cunha riqueza patrimonial que fala de invasións piratas e da necesidade dun pobo de construír unha fortaleza para evitar saqueos e abusos por parte doutros pobos.
O castelo está en pé desde o século XVIII, segundo consta en acreditada documentación.

Link: DFONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=1742