Portos de Galicia - OS ROSTROS DO MAR
Fecha Miércoles, 13 julio a las 14:58:49
Tema PHP-Nuke


Agustín Pérez, Patrón Maior de Cedeira

Agustín Pérez, Patrón Maior de Cedeira
Agustín Pérez, Patrón Maior de Cedeira:
"A burocracia está a poñer cada vez máis difícil o traballo no mar"


Leva o mar no ADN e a ría de Cedeira na retina desde a primeira vez que abriu os ollos. Aos seus 46 anos, Agustín Pérez é o Patrón Maior da confraría cedeirense e un deses rostros do mar que coñece a realidade do sector como a da súa propia familia e traballa cada día por facer que se escoite a voz dos seus protagonistas.

"Meu bisavó ía pesca á traiña ao remo. Meu avó, ao cerco, e meu pai, primeiro ao percebe e despois á merluza". Agustín pertence á cuarta xeración de mariñeiros na súa familia. Comezou "á merluza", estivo enrolado dende 1985 e hoxe, ao seu pesar, traballa dende terra por motivos de saúde. En tres décadas de profesión, coñeceu a cara máis dura do mar: "o peor foron as veces que tiven que recoller xente del. Acórdomo moito dun rapaz de 17 anos que morreu cando ía aos percebes". Sen embargo, admite que ten "unha boa relación co mar. Hai que coñecelo e respectalo e se fas así é previsible, de feito, a maioría de accidentes non lles pasan aos percebeiros profesionais, por exemplo".

Entre as vantaxes da súa profesión cita a aventura diaria, "nunca sabes o que te vas atopar, non é como a xente que ten que estar nunha oficina a cubrir papeis", e no extremo oposto, renega da "burocracia que cada vez está a poñer máis difícil o traballo no mar". Neste sentido é rotundo, considera inxustificadas as cotas impostas dende Europa e erróneas as medidas que se toman "sen coñecer a nosa realidade propia. A merluza e a xarda entran no aparello coma churros".

Da súa traxectoria profesional, que se confunde coa vital, mantén unha "espiña clavada no peito", a división da costa dos percebes, que estableceu fronteiras para unha actividade que se desenvolvía de forma conxunta ao longo de toda a ría, limitando as posibilidades de traballo e, por tanto, económicas, dos mariñeiros cedeirenses

"Tocaron a lume as campanas da vila todo o día e veu todo o mundo ao peirao. A xente estaba embravecida e botábase contra unha pila de policías que estaban aquí. Era moito o que perdíamos e seguen a ser moitos os días que perdemos de ir ao mar por culpa deso", lembra.

Mirando ao futuro, traballa cada día por ver cumplida a ilusión histórica dun porto deportivo compatible coas instalacións pesqueiras e co entorno natural, un proxecto no que Portos de Galicia está a avanzar, en paralelo á mellora do abrigo na zona.

"Desta vez recuperamos a ilusión e sabemos que imos ter o que pediamos", afirma. E reseña outro obxectivo irrenunciable polo que ten de emotivo: temos que devolver a estatua da Peixeira ao Pericoto, ao seu sitio", dende onde a escultura rendía homenaxe ao traballo discreto e incansable "das Crisantas", as mulleres dos mariñeiros.

Link: Portos de Galicia
Artigo orixinal: preme aquí






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=1691