Receita para o novo escenario político
Fecha Lunes, 30 marzo a las 16:45:20
Tema PHP-Nuke


Transmitir cara a cidadanía "visión de alternativa" é en opinión de quen foi voceiro parlamentario do BNG durante a última lexislatura, Carlos Aymerich, unha prioridade da que deberan ser conscientes nacionalistas e socialistas de agora en diante. Na opinión do deputado electo do BNG pola Coruña, os excesos competidores entre as dúas forzas foron un "desacerto fundamental" da etapa de goberno que agora se pecha. Nesa liña, e durante unha entrevista para a Radio Galega, Aymerich destacou a necesidade de que socialistas e nacionalistas afinen esa colaboración nas institucións onde gobernan en coalición.

Por outra parte, Aymerich agoirou que, á luz das recentes declaracións, o PP ameaza actuar no Goberno como unha "brigada de demolición" de políticas públicas, e censurou as afirmacións realizadas polos populares ao respecto do sistema de servizos sociais, concurso eólico ou decreto do galego no ensino. Foi así como acusou o PPdeG de "facer da negación de Galiza como realidade diferencial ou da mentira lingüística unha das súas bandeiras" e prognosticou unha lexislatura "dura".

Ao fío, amosou non estar satisfeito pola elección do PP para a presidencia do Parlamento, e analizou que os "antecedentes" da deputada proposta para o posto, a pontevedresa Pilar Rojo, "non son tranquilizadores". Recordou o deputado nacionalista que na anterior etapa do PP con maioría absoluta, impuxéronse "métodos contrarios ao regulamento da Cámara e aos dereitos fundamentais dos deputados". Nesa liña, avanzou que hai moito por corrixir no funcionamento da institución.

Optimismo sobre o futuro do BNG
"Serán os órganos de dirección do BNG os que decidan o papel de cada un", explicou doutra banda Carlos Aymerich, sen confirmar se repetirá como voceiro do grupo do BNG no Parlamento ou mesmo se poderá ser designado novo voceiro nacional da formación política. Na súa opinión é momento de falar "do colectivo, máis que de persoas concretas". Nesa liña, apelou ao "espírito" da recente xuntanza na que a executiva do Bloque anunciaba a súa dimisión e dixo esperar que o "afán de colaboración" amosado nesa xornada guíe un proceso que leve a unha asemblea cunha "candidatura unitaria" o próximo 10 de marzo. "Sería bo dicirlle á militancia que esa é a nosa vontade: camiñar como unha formación unitaria, aínda que moi plural por dentro", afirmou, confiando en que o resultado desa cita sirva para que "todos poidan sentirse cómodos".

Link: VIONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=167