Tripartito: O pacto «goza de boa saúde»
Fecha Miércoles, 25 marzo a las 08:16:14
Tema PHP-Nuke


O tripartito de Cedeira goza de boa saúde. Así o afirman os tres protagonistas do goberno da localidade, PSOE, BNG e Terra Galega. E reafírmanse no pacto despois de que pasadas as eleccións autonómicas as tres partes celebrasen unha reunión o 5 de marzo coa intención de revisar o estado de saúde do pacto de goberno. Os tres coinciden en seguir traballando no seo do tripartito.

É un «exercicio de democracia», apuntaba onte José Luis Vergara, alcalde de Cedeira. Sacar adiante un goberno de tres partidos «é duro, pero ao final sempre atopamos consenso. Isto conséguese a base de conquistas diarias, é como un namoramento a tres». O rexedor apunta que, tras a comisión de seguimento, os tres partidos acordaron «reafirmarse no contido do pacto» ademais de considerar «exclusivamente en clave autonómica os resultados das eleccións do 1 de marzo». En terceiro lugar, os representantes dos tres partidos «agradecen ao goberno saínte da Xunta o investimento e a dedicación cara ao municipio de Cedeira» e esperan que o equipo de Núñez Feijoo «manteña os compromisos adquiridos na localidade».

Alfredo del Río, do BNG, ademais de insistir no bo estado do pacto, puntualizou onte que o tripartito «traballará nos próximos meses por profundar na coordinación entre concellarías co obxectivo de mellorar o servizo aos cidadáns». E anunciou que axiña que sexa posible, reuniranse cos novos dirixentes da Xunta, «confiamos en que se manteña a cortesía institucional». Pola súa banda, o representante de Terra Galega, Xermán Tobío, cualificou de «impoluto» o estado de saúde do pacto e recordou que o novo goberno autonómico deberá manter os proxectos comprometidos polo equipo anterior, como a construción do porto deportivo, que finalmente terá ao redor de 260 atracadas e continuar cos traballos do polígono industrial.

Link: VONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=153