Terra Galega prepara candidatura
Fecha Miércoles, 16 febrero a las 16:55:09
Tema PHP-Nuke


Por segunda vez na súa historia, o partido Terra Galega, liderado por Xermán Tobío, podería presentar candidatura en Ferrol ás próximas eleccións municipais do 22 de maio. Así o confirmou onte o alcalde de Narón e un dos líderes da formación na comarca, José Manuel Blanco, quen avanzou que a agrupación local ferrolá está a traballar para conformar o equipo que competirá por conquistar o goberno municipal da cidade.




De momento, aínda non se deu o paso esencial para dar forma a esa candidatura: quen será a cabeza de cartel. Blanco avanzou que podería repetir como número un Alfonso Elías, que xa liderou o equipo na convocatoria de eleccións no 2007.

Terra Galega quere pechar a lista ferrolá ao longo do mes de marzo. Blanco recoñeceu que «Ferrol é unha praza difícil» de conquistar electoralmente, pero subliñou que o partido non desistirá de tentalo.

Alfonso Elías irrompeu como cabeza de lista de Terra Galega no 2007 de forma sorpresiva. A un mes das eleccións, o até entón candidato Pedro Sanz anunciaba a súa renuncia. O partido fichou entón a Elías, pero os resultados nas urnas non foron satisfactorios dado que a forza non obtivo representación no Concello ferrolán. Obtivo pouco máis de mil votos, o 2,8% de todos os emitidos.

Máis maduras que o proxecto ferrolán están as candidaturas que Terra Galega presentará nos concellos de Narón, Neda e Valdoviño. E, ademais, farao con «a posibilidade de seguir gobernando» eses concellos, en palabras de José Manuel Blanco. El mesmo será o candidato para continuar á fronte da alcaldía naronesa, mentres que a incógnita planea aínda sobre as cabezas de lista en Neda e Valdoviño. Neste último municipio, a actual rexedora, Isabel Álvarez, aínda non decidiu se continuará ou non. En todo caso, Blanco garantiu que haberá candidatura tanto en Neda como en Valdoviño.

Link: MaisGaliciaONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=1467