Dirección "colexiada e participativa"
Fecha Sábado, 21 marzo a las 08:12:59 Tema PHP-Nuke
"Non me presentaría de non estar seguro de poder contar co apoio das
bases do partido", subliñou este venres Manuel Vázquez, asegurando que
a súa candidatura "non vén imposta desde arriba". Ao respecto, advertiu
o aínda conselleiro de Medio Ambiente en funcións, que a súa intención
á hora de postularse para liderar o PSdeG-PSOE é a de que a base
militante da formación decida o seu futuro "sen tutelas e sen
presións". Deste xeito, e na súa primeira comparecencia
pública á volta dos comicios do 1 de marzo, Manuel Vázquez anunciou que
se botará á estrada desde a próxima semana para consultar coas
agrupacións locais do seu partido ao respecto do proceso aberto.
Vázquez confirmaba así que no congreso extraordinario que os
socialistas galegos celebrarán o próximo 25 de abril, será candidato a
asumir a secretaría xeral do partido, relevando así ao dimitido Emilio
Pérez Touriño.
Apelación ás bases e á mocidade O político do Carballiño,
municipio onde foi alcalde, asegurou que o seu proxecto pasa pola busca
dunha dirección "integradora, ilusionante e consensuada coas bases" co
obxectivo de reforzar a estrutura e a mensaxe do PSdeG e traballar para
a recuperación do poder na Xunta. "É o momento das bases,
da militancia, do debate, de expoñer proxectos e ideas", resumiu o
candidato, chamando os seus a afondaren "nos acertos" pero ser ao tempo
esixentes "para corrixir os erros". Nese escenario, dixo estar seguro
de que o PSOE está en Galiza "en plena fase de expansión" e instou a
mocidade a ser protagonista do momento. "Os máis xoves teñen que ser
parte substantiva deste proxecto, do debate, da análise, e a innovación
ten que ser unha das nosas constantes". Así, o tamén
coñecido como "Pachi" Vázquez, afirmou que considera necesario un
partido "amplo, participativo, áxil na toma de decisións, innovador,
permeábel á sociedade, que a represente”. Con esa arela dixo estar
seguro de poder pilotar para o PSdeG o deseño dunha dirección
"colexiada, participativa, áxil, con pensamento fresco, e con voces en
tódolos estamentos da sociedade”. "Se cadra falamos moito para quen non
quería escoitarnos, e pouco para quen estaba esperando por nós”,
expresou no plano da autocrítica sobre o labor do PsdeG-PSOE os últimos
catro anos. Con todo, insistiu en que rematou o tempo “dos lamentos e
das penas”. "Comenzamos a traballar para gañar as eleccións dentro de
catro anos”, sentenciou. "Sen tregua" fronte a un PP que acusa de instalarse "na mentira"
“Non lles imos dar nin 100 días, nin 100 horas nin 100 minutos", avisou
Manuel Vázquez ao respecto do labor opositor dos socialistas diante do
PP. "Desde o minuto seguinte da toma de posesión haberá unha oposición
centrada en buscar a mellora da calidade de vida dos cidadáns e un
control férreo da xestión onde non cederemos nin un metro nos logros
acadados na última lexislatura”, expuxo na súa intervención este venres
diante dos medios. Vázquez quixo chamar a atención sobre o
feito de que en Galiza "hai máis cidadáns que non votaron ao PP dos que
si votaron ao PP", advertindo contra os posíbeis retrocesos fronte aos
"avances" do goberno saínte. "A demagoxia, a mentira e a calumnia poden
ser útiles en campaña electoral, pero non para gobernar Galiza, porque
non llo imos consentir”, advertiu.
Link: VIONLIne
|
|