
Concello de Cedeira - Orzamentos 2011
Fecha Martes, 25 enero a las 09:18:25 Tema PHP-Nuke
O Concello de Cedeira celebra hoxe un pleno extraordinario para aprobar o
orzamento relativo a este exercicio e que contempla unha redución do
6,49% con respecto ao ano pasado. Esta rebaixa responde, segundo
explicou a concelleira de Facenda, Carmen Vergara Rey, á reiterada
redución de ingresos que azouta ás diferentes administracións locais
como consecuencia da crise e o parón no sector da construción.
No entanto, a diferenza con respecto ás contas de 2010 non é tan
importante. Así, o ano pasado aprobouse un orzamento de 5.107.466 euros,
mentres que o que se prevé aprobar hoxe é de 4.775.791 euros.
Por capítulos, chama especialmente a atención a conta destinada a Medio
Rural, que presenta unha variable importante con respecto ao exercicio
anterior. O ano pasado destináronse a esta área 2.900 euros, fronte aos
20.700 que se investirán agora. Sobre este aspecto a responsable de
Facenda explicaba que con este diñeiro preténdese dotar de servizo de
internet á zona rural, poñendo a disposición dos usuarios a conexión en
diferentes localizacións, como as casas de indianos que están repartidas
polo núcleo rural.
Outro dos capítulos que tamén se incrementa con respecto a 2010 é o
investimento en Educación, destinando 199.990 euros, fronte aos 93.170
que se achegaron o ano pasado. Sobre este punto, Carmen Vergara
explicaba que este ano se financiarán varios cursos. Un deles, de
soldadura, estase organizando xa no IES Punta Candieira para polo en
marcha en breve.
A pesar da redución de ingresos, a conta de Servizos Sociais
experimentará unha subida do 7,6% con respecto ao ano pasado. A esta
importante área municipal prevense destinar 546.686 euros do total.
Link: DFONLine
|
|