AC-566 PERIGO !!!!
Fecha Miércoles, 12 enero a las 09:00:04
Tema PHP-Nuke


O Concello de Cedeira prepárase para retomar as protestas ante a Xunta de Galicia polo tema da estrada que une Ferrol coa vila mariñeira. Unha vez terminadas as festas do Nadal, o goberno local iniciará a campaña informativa e de recollida de firmas na localidade, tal e como anunciara antes do parón vacacional.

O primeiro edil do municipio, Jose Luís Vergara Rey, recordou que nos próximos días comezarán co proceso. «Estamos terminando de redactar o dossier informativo que imos ir entregando casa por casa», asegurou o rexedor. O documento informativo que recolle un breve resumo do proxecto básico que o Concello expuxera xa no ano 2008, como actuación de mellora na capacidade e seguridade da AC-566. O texto tamén inclúe unha explicación detallada dos acontecementos que se foron sucedendo desde entón, e as propostas que fixo o goberno local.

Será o propio alcalde un dos encargados de percorrer as parroquias cedeirenses para implicar no proceso a todos os veciños do municipio. «Iremos casa por casa explicando a cada cedeirense interesado no proceso que medidas queremos que se tomen para garantir a seguridade dos condutores», explica o rexedor.

Unha vez que teñan todas as firmas no seu poder, entregaranas no Parlamento de Galicia para pedirlle á Xunta que, se «non escoita ao Concello, que polo menos atenda as peticións dos cedeirenses». «Sabemos que as firmas non teñen un valor xurídico, pero é un xeito de actuar e implicar aos principais afectados, os usuarios do viario», detalla Vergara.

Visita do parlamentario

O seguinte paso dentro da particular loita que mantén o municipio contra a Xunta será o inicio dun proceso parlamentario para trasladar ao órgano autonómico as peticións. Vergara Rey adiantou onte que o venres 21 deste mes o portavoz socialista de Infraestruturas no parlamento de Galicia, Pablo López Villar, visitará o municipio para coñecer o estado da estrada de primeira man.

O parlamentario reunirase cos impulsores da protesta para remitirlle as súas demandas ao conselleiro de infraestruturas, Miguel Hernández. «Non pedimos que se realice a obra inmediatamente, somos conscientes do momento de crise económica no que estamos, pero queremos que se nos dean garantías a longo prazo», explica Vergara.

O proxecto que manexan as entidades locais para garantir a seguridade na AC-566 pasa por catro grandes actuacións de mellora, que segundo o rexedor, «poderíanse levar a cabo en catro anos», detalla o rexedor.

O primeiro tramo comprende melloras no tramo que une a zona de Freixeiro coa entrada á urbe de Valdoviño, e despois construír a variante que circunvale a vila. A actuación máis importante e urxente consiste en suavizar as curvas e introducir carris para o tráfico lento no viario, ata a zona de Esteiro. E para rematar, o proxecto contempla a necesidade de construír outra variante en Cedeira que dea acceso á zona empresarial.

Link: VONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=1404