O texto da ILP impulsada pola Plataforma Queremos Galego no Parlamento
Fecha Viernes, 10 diciembre a las 09:57:54
Tema PHP-Nuke


A proposición de lei pretende “garantir inequivocamente” o uso oficial do galego no ensino e nas administracións públicas de Galiza para que a cidadanía poida “exercer plenamente os seus dereitos lingüísticos”
A plataforma cidadá presentou o pasado 18 de outubro máis de 30.000 sinaturas en apoio á tramitación da proposición


Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2010.- O pleno do Parlamento de Galiza debaterá o vindeiro 14 de decembro a toma en consideración da proposición de lei impulsada no seu día pola Plataforma Cidadá Queremos Galego para “a garantía e protección dos dereitos lingüísticos no ensino e no ámbito das administracións públicas” a través do procedemento de Iniciativa Lexislativa Popular (ILP).



Dado que a Mesa do Parlamento decidira rexeitar, nunha resolución insólita que por vez primeira na historia non contou co consenso das tres forzas políticas, a tramitación da ILP rexistrada por unha comisión promotora de 24 persoas representantivas de diferentes entidades e eidos da vida social e cultural do país, o texto chega agora ao pleno do Parlamento logo de que o grupo parlamentario do BNG, organización integrante de Queremos Galego, ofrecese rexistralo como unha proposición de lei de seu, respectando a súa literalidade.
Malia non contar coa autorización do Parlamento para poder tramitar a iniciativa lexislativa polas canles legalmente estabelecidas, a Plataforma Queremos Galego desenvolveu a partir do mes de abril por toda Galiza unha intensa campaña social para difundir o texto dunha proposición lexislativa, como sempre se indicou, “non só non pretende modificar” a Lei de Normalización Lingüística ou o artigo 5 do Estatuto de Autonomía, “senón, ben ao contrario, afortalar e desenvolver o seu contido, sen cambialo”. Paralelamente, a plataforma cidadá que impulsa e coordina A Mesa pola Normalización Lingüística e agrupa na actualidade máis de 700 entidades de todo tipo articulou un proceso de recollida de apoios á tramitación da ILP entre cidadás e cidadáns maiores de idade censuados nalgún dos 315 concellos galegos, é dicir, coas mesmas condicións sinaladas legalmente para a recollida de apoios a unha ILP.
Finalmente, logo de varios meses de actos informativos, mesas na rúa ou actividades lúdicas de diversa tipoloxía, o pasado 18 de outubro foron entregadas máis de 30.000 sinaturas no rexistro do Parlamento de Galiza, ao coidado dos diferentes grupos parlamentarios, coincidindo co primeiro aniversario da primeira gran manifestación cidadá convocada por Queremos Galego desde a súa creación.
Como a comisión promotora da ILP non ten posibilidade legal de intervir no debate plenario para expor os seus argumentos, o portavoz de Lingua do BNG, Bieito Lobeira, que intervirá en primeiro lugar por ser o representante do grupo que rexistrou a proposición como propia, dará lectura a un texto que Queremos Galego elaborou para a ocasión.
Tanto os grupos parlamentarios do BNG como do PSdG-PSOE confirmaron a Queremos Galego, logo de encontros mantidos con eles hai varios meses, o seu voto favorábel á toma en consideración da proposición de lei no pleno do vindeiro 14 de decembro. A plataforma cidadá agarda que o grupo do Partido Popular “non desaproveite a oportunidade de voltar aos consensos básicos en materia de lingua” e confía en contar “co voto favorábel do grupo popular á tramitación dunha lei inspirada nunha lexislación en un Plan xeral de normalización aprobados no seu día co seu apoio”.

Fernando Iglesias Bouza
(Responsable local da Mesa pola Normalización lingüística).






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=1357