Rede de sumidoiros
Fecha Martes, 07 diciembre a las 08:01:19
Tema PHP-Nuke


As zonas de Gaias de Area e Arriba da Ponte, barrios da zona baixa de Cedeira, sufriron onte pola mañá problemas coa rede de sumidoiros de augas. Tras a gran tromba de auga que caeu á primeira hora na zona do Ortegal, parte do sistema de recollida de augas de Cedeira mostrou as súas deficiencias ao verse colapsado. Algúns sumidoiros sobordaron e deixaron saír á superficie a auga.

Segundo o alcalde da vila, Jose Luís Vergara Rey, son problemas puntuais que manifesta a rede en momentos de choiva moi intensa. «Aínda que non afecte a moitas casas, para o Concello é un problema moi grave polo prexuízo que ocasiona aos veciños», asegura o primeiro edil. Foi o propio alcalde o que tivo que avisar á empresa que leva os servizos dos problemas que estaban acontecendo para que limpase as redes de sumidoiros con problemas.

A rúa Gaias de Area atópase nunha zona de bifurcación de augas, e recibe unha gran afluencia de pluviais de Piñeiro. Fai apenas uns meses o Concello xa levou a cabo un plan de reparación e substitución de parte de sistema de tubaxes da zona. «A maior parte da auga pluvial que recibe a área de Gaias intentouse derivar a outras redes, pero vemos que foi unha medida insuficiente», explica Vergara. O barrio de Arriba da Ponte tamén tivo problemas, segundo o Concello, pola saída de augas «tan estreita» que ten a zona.

O rexedor pide ao actual Goberno da Xunta que acometa as reformas que estaban aprobadas pola anterior lexislatura. «Tiñamos aprobado un proxecto para o paseo da Magdalena, agora non sabemos cando levará a cabo», lamenta. Vergara asegura que o sistema de canalización dalgúns barrios do municipio non se repararon desde fai máis de 25 anos, e seguen sendo tubaxes de cemento que deixan traspasar a area, o que dificulta a canalización en momentos de moita choiva. O Concello xa levou a cabo varios proxectos de substitución destas canalizacións por sistemas de PVC herméticos nalgunhas redes radiais do municipio.

LinK.VONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=1350