Coller o temón do BNG
Fecha Miércoles, 18 marzo a las 14:40:57 Tema PHP-Nuke
Dúas semanas despois de exixir a dimisión da Executiva
e de demandar unha refundación do BNG, o líder do Encontro Irmandiño,
Xosé Manuel Beiras, volveu comparecer diante dos medios de
comunicación, acompañado desta vez de Luis Eyré, Concha Trigo e Xosé
Constenla. A mensaxe foi moi clara: algo se está a mover no Bloque e é
preciso que a militancia dea un paso á fronte para decidir o rumbo que
ten que tomar a principal plataforma nacionalista do país.
Beiras cre que a día de hoxe, logo da dimisión da Executiva e da convocatoria urxente dunha asemblea extraordinaria,
hai máis razóns para o optimismo. Porén, considera que hai un factor
que vai ser clave para que o debate chegue a bo porto: a participación
activa de toda a militancia. Por iso, dende o Encontro Irmandiño
consideran que non se pode renunciar a unha asemblea aberta. A fórmula
que defenden, que non vulneraría o regulamento interno, é que cada
militante que queira asistir ao plenario nacional o comunique
formalmente na súa comarca. Así, garantiríase unha asistencia ordeada
de todos aqueles que queiran estar presentes no debate de maio.
Esta
proposición, segundo Beiras, abriría a porta a toda aquela militancia
que, sen pertencer a ningunha das forzas que conforman o BNG, é
maioritaria en número. Coa fórmula delegados, que propuxo a maioría do
Consello Nacional, córrese o risco de que os sectores organizados
monopolicen a asemblea.
Mellores perspectivas Os
“irmandiños” consideran que o BNG abriu un proceso de reflexión que
pode dar bos froitos. Porén, o propio Beiras sinalou que o camiño para
a refundación do Bloque vai levar tempo. Así, sinala que a asemblea
extraordinaria debería servir para unha análise profunda sobre a
necesidade de acadar unha pluralidade real na organización e para
chegar a un acordo político que sirva para que haxa unha estabilidade
interna até unha Asemblea Naciona ordinaria, que tería que referendar a
nova andaina iniciada.
Beiras reiterou que o cambio non pode vir
da man do Encontro Irmandiño xa que recoñeceu explicitamente que este é
un grupo minoritario dentre do Bloque. Porén, sinalou que a súa
corrente quere que sexan os militantes os que protagonicen o proceso.
Para iso, considerou crucial unha asistencia masiva da afiliación ás
asembleas comarcais, tal e como dixo que xa ocorreu nos últimos días en
Vigo, Lugo centro e Lugo sur. O noutrora líder do BNG, subliñou que só
un proceso de debate aberto pode garantir a unidade da formación e
evitar un “esgazamento”: “Se a militancia quere ser a protagonista,
ninguén poderá impedilo”.
A dimisión da Executiva decidiuse a última hora Segundo
Xosé Manuel Beiras, os membros do Encontro Irmandiño exixiron na
Executiva Nacional do pasado 5 de marzo a dimisión dos quince máximos
dirixentes do BNG. Porén, a maioría da dirección (conformada por UPG e
“quintanistas”) negáronse á mesma ao considerar que a convocatoria
urxente dunha asemblea nacional xa era o recoñecemento explícito do
fracaso electoral. Dentro da maioría oficial, só se escoitou a voz
parcialmente discordante de Ánxela Bugallo, que non se opuxo á dimisión
da Executiva.
A respecto do que afirmou este venres Beiras,
fontes consultadas por Vieiros, subliñan que foi o propio Anxo Quintana
o que, menos de 24 horas antes do Consello Nacional, e logo de reunirse
cos seus colaboradores máis achegados, decidiu aceptar a proposta do
Encontro Irmandiño. Pouco despois, a UPG tamén se sumou á iniciativa.
Pola súa banda, os “críticos” reiteran que souberon do cambio de
posicionamento da liña oficial o mesmo sábado do Consello Nacional.
Link: VIONLine
|
|