As trinta do liderado económico
Fecha Jueves, 25 noviembre a las 11:16:32
Tema PHP-Nuke


Un artigo de Xavier Carro, Deputado do PSdeG, publicado no Xornal de Galicia.

" O vindeiro sábado o presidente Zapatero reunirá ás 30 principais empresas do país para ver de poñer en marcha un impulso concertado á economía española. Xa noutras ocasións, como cando se iniciou a crise e se produciu o colapso na concesión de créditos por parte dos bancos, o presidente reunírase cos principais dirixentes da banca para ver de buscar saídas ó grave problema do sistema financeiro internacional, e para evitar que contaxiase ás entidades bancarias españolas. Naquela ocasión o resultado foi positivo e podemos agora comprobar que os chamados Test de Estrés deixaron en bo lugar ós nosos bancos fronte a outros de países como Francia ou Alemaña, e por suposto Irlanda.

Nesta ocasión non se trata tanto de ver que pode facer o Goberno polas grandes empresas, senón en qué poden estas contribuír, por unha banda a mellorar a credibilidade internacional da nosa economía, e por outra á creación de nova actividade económica e emprego.

Ó meu entender a iniciativa é positiva. Non cabe dúbida de que foi a evolución da economía nos últimos anos, xunto có acerto e boa xestión destas empresas, seguramente, o que posibilitou a súa posición predominante no mercado nacional e a súa boa posición internacional. E precisamente por iso, agora que para saír da crise necesitamos o concerto de todos, cómpre que as compañías máis potentes contribúan ó proceso de recuperación.

Necesitamos resolver canto antes o grave problema do desemprego, non só por razóns económicas, senón porque o maior drama persoal dun parado e a carencia dun proxecto vital claro, a falla dun espazo, dunha función que cumprir na sociedade. Por isto, non podemos encomendarnos ó crecemento económico como elemento único da creación de emprego. Temos que buscar fórmulas de reparto do emprego, da actividade económica e dos recursos públicos e privados que interveñen no mercado de traballo que nos permitan incorporar á actividade produtiva a un número o maior posible de desempregados.

É aquí onde as grandes empresas poden contribuír a un impulso colectivo, porque son as posuidoras de capacidade tecnolóxica, organizativa e de financiamento para xerar procesos de crecemento acelerados nos sectores clave nos que operan. Deben apurar a posta en marcha de proxectos que tiñan deseñados a medio prazo e sobre todo deben comprometerse co país, cos cidadáns, apostando por traballar en España e non polo modelo produtivo do noso insigne conselleiro de Economía e Industria que produce en Portugal. Apostando por competir en excelencia e non en degradación laboral e esixindo tamén ó sector financeiro que se comprometa co investimento produtivo e abandone o especulativo, e ós Gobernos central e autonómicos que melloren as políticas de apoio á iniciativa empresarial con ferramentas de axuda pública eficaces e áxiles como o programa de reindustrialización do Ministerio de Industria.

En definitiva, estamos a pasar un momento clave e delicado no que cabe esixir solidariedade dos que máis teñen, ou máis poden, para axudar ó conxunto da sociedade e recuperar o vello pacto Fordiano polo que a elevación das condicións de vida da maioría da sociedade é a mellor garantía de futuro para as grandes empresas de produción industrial."

© 2010 - Xavier Carro - Xornal de Galicia






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=1330