AGDS - A Trabe
Fecha Jueves, 25 noviembre a las 10:57:42
Tema PHP-Nuke


A empresa de cogeneración de enerxía eléctrica e térmica AGDS prevé instalarse o próximo ano no polígono A Trabe de Cedeira, segundo afirma o alcalde da localidade, José Luís Vergara. «Forma parte destas novas empresas do municipio que diversificarán notoriamente o tecido industrial da zona», explica Vergara.

Concretamente, esta entidade utiliza a combustión da biomasa forestal para xerar enerxía térmica, e aproveita para transformar unha parte da calor en enerxía eléctrica. Este tipo de industria permitirá facer uso dos recursos naturais dos que dispón o municipio, que conta cunha das maiores reservas de eucaliptos de Europa. «Á empresa benefícialle poder dispor do material necesario in situ, sen ter que traelo desde outras zonas», asegura Vergara.

A biomasa axudará ademais a «manter limpos os montes, xa que estas empresas utilizan tamén a maleza dos bosques», recorda Vergara. Fai fincapé no calado ecolóxico da planta, e reitera que «se non cumprise as esixencias ambientais, non se aceptaría no municipio».

De momento, os plans de AGDS pasan por buscar financiamento antes de instalarse no municipio. Segundo confirma o primeiro edil, a empresa de biomasa presentará o seu proxecto á convocatoria do Plan Ferrol do 2011, financiado polo Ministerio de Industria, para solicitar fondos e acceder a un crédito a 15 anos con grandes beneficios fiscais.

Ademais, o Concello adianta que chegaron a un acordo coa planta, polo que lles cederán «a enerxía equivalente a 125.000 euros», dos que se fará cargo para repartir entre as entidades sociais da localidade que estime conveniente. «Será moi beneficioso para asociacións como a residencia de maiores, o viveiro de empresas, ou para a planta que criará algas no mesmo polígono, por exemplo», explica Vergara. Con esta medida o goberno local espera axudar ás entidades que non están pasando un bo momento pola crise, e busca facer máis atractiva a instalación de novas empresas no municipio. «Desde o Concello cederemos esta enerxía a quen o necesiten», asegura o alcalde do municipio.

No polígono está previsto que se instalen no 2011 outras entidades, como o viveiro de empresas que lidera o Concello, a planta de construción de aeroxeradores, o proxecto de caixas acústicas, ou a empresa de cultivo de algas mariñas.

Link: VONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=1329