A Xunta tenta censurar un artigo da CIG
Fecha Viernes, 19 noviembre a las 19:29:15
Tema PHP-Nuke


O Padroado da Fundación Galega da Formación para o Traballo (FGFT) reunirase hoxe de urxencia a petición do secretario confederal da CIG Manoel Anxo García Torres, despois de que a Xunta trate de censurar un texto coa opinión do sindicato sobre a política de formación en Galicia. O Goberno galego editará un libro cos puntos de vista dos participantes nunhas xornadas sobre formación e emprego que se celebrarán en Santiago a próxima semana.

A CIG participará o luns nun relatorio xunto co resto das forzas sindicais e a patroal, e xa tiña asinado o contrato de cesión de dereitos do seu texto coa editorial do libro, pero García Torres recibiu o mércores pola mañá a chamada do director xerente do FGFT, na que lle comunicou a súa intención de non publicar o relatorio da súa autoría porque “representa unha opinión política que roza o permisible”.

Ante esta intención de censura, o representante da CIG, que é tamén membro do Padroado da FGFT, que organiza as xornadas, remitiulle unha carta á directora xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo, Ana María Díaz, presidenta do Padroado.

No documento explica o seu malestar polo que “podería constituír un atentado contra o principio constitucional de liberdade de expresión e liberdade sindical”. Ademais, engade que “estatutariamente o xerente da FGFT non está habilitado para tomar a decisión” que lle anunciou, polo que require á presidencia do Padroado que o informe “urxentemente”, sobre se o anuncio telefónico foi “unha iniciativa individual do propio xerente ou se, pola contra, foi unha decisión delegada” pola presidencia.

Tamén esixe unha confirmación oficial de se finalmente o artigo vai ser excluído e unha reunión urxente do Padroado. A propia directora xeral remitiulle onte a García Torres a resposta, na que convoca unha sesión urxente para hoxe ás 13.00 horas na sala de xuntas da Consellería de Traballo, co único punto na orde do día da petición do secretario confederal de Formación para o Emprego da CIG. Este diario tamén puido constatar que o sindicato xa tiña asinada coa editorial que se encargará da publicación un contrato de autorización de publicación e cesión de dereitos do texto, con data do pasado 29 de outubro. O artigo asinado por Manoel Anxo García Torres e que a Xunta trata de censurar é especialmente crítico coa política e as axudas para os cursos de formación do Goberno de Feijóo, e é duro contra o presidente e o seu Executivo. Ademais, desvela algunhas prácticas supostamente irregulares á hora de conceder cartos para estes cursos con fondos europeos, un tema polémico pola recente denuncia do alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, ante a Fiscalía. Seoane pon en dúdiba a legalidade do reparto de fondos e a concesión “a dedo” dun millón de euros en cursos ao empresario coruñés “afín ao PP” Gerardo Crespo e fala de “financiación ilegal” do partido a través destas subvencións, unha sospeita que comparte o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich. Así, García Torres, dentro do lema das xornadas A formación para o emprego, un reto nos entornos económicos hostís, expón primeiro “a situación económica especialmente hostil” que vive Galicia coa necesidade de “xerar emprego de cualidade e benestar”, polo que “o destino que se lle dea aos recursos económicos públicos é crucial”. A CIG critica que “se lle adxudique, vía poxa, diñeiro público a prezo de saldo a institucións financeiras en quebra por ter promovido concesións masivas de creto a sectores especulativos”, e engade que se decretou “a máis agresiva reforma laboral da historia democrática”. Sobre a Xunta, di que é “un Goberno que aspira a ser oposición e un Goberno consolador” e descoñécese “outra acción económica que non sexa a propaganda e o ataque permanente ao anterior Goberno”, cunha política de “concesións e contratas”. Segundo a CIG, Feijóo practica “un estímulo selectivo, á carta e pola vía da subvención. Abofé o estimulado agradéceo, mais o conxunto non o percibe”.   CURSOS DE FORMACIÓN No referente aos cursos de formación, o sindicato destaca que “certos beneficiarios fican moi felices co recibido”, e desvelan algún exemplo. É o caso da adxudicación pola Consellería de Traballo de Beatriz Mato de fondos de formación específicos para sectores produtivos en crise a colectivos “tan afectados pola recesión”, din, “como o Colexio de Podólogos de Galiza”, e subvencións a cursos de “cirurxía de unllas e partes brandas”. “Podemos deseñar o mellor Plano formativo do mundo, dende o prisma da pedagoxía, que como os dirixentes non actúen e sigan á espera dos resultados do estímulo á empresa privada, o que obteremos será máis desemprego, acompañado dun desvío de recursos públicos ás contas de resultados de certas empresas. O que en ningún caso se acadará será que a formación facilite a procura de emprego, porque sinxelamente non o haberá”, di a CIG nunha das conclusións.

Artigo orixinal: preme aquí

Link: XORONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=1310