Detrás dos cursos de formación hai moito ‘chanchullo’
Fecha Viernes, 12 noviembre a las 15:24:12
Tema PHP-Nuke


Editorial de Xornal de Galicia - 12/11/2010

" España, en xeral, e Galicia, en particular, está a pasar nos últimos tempos por unha crise económica profunda que, entre outras moitas cousas, levou a incrementar as cifras de desempregados ata niveis máis ca preocupantes. Porén, sempre hai quen consegue sacar proveito destas situacións, demostrando unha falta de moralidade, facendo dos problemas dos demais un asunto positivo para si mesmo.


Ocorre, por exemplo, co caso das denuncias realizadas polo alcalde da vila coruñesa de Oleiros, Ángel García Seoane, polo “irregular” reparto por parte da Xunta dos fondos europeos para cursos de formación. Semella que a picaresca ten ido máis que lonxe neste tema, convertendo un asunto tan importante para os desempregados que buscan unha nova saída profesional como son os cursos de formación, nunha polémica política que transcende a consellería de Traballo –denunciada polo edil de Oleiros– e chega ao empresario coruñés Gerardo Crespo, que onte quixo dar a súa versión dos feitos. Afirmou que el tamén denunciará o alcalde oleirense para “salvar” a súa “honra”, xa que considera que a demanda do edil é “un despropósito”.

Entre os documentos que achegou á Fiscalía Superior de Galicia Ángel García Seoane están os que atribúen unha suposta adxudicación “a dedo” dun millón de euros ao empresario “afín ao PP”. E é que, segundo estes papeis, as empresas vinculadas a Crespo recibiron no que vai de ano máis dun millón de euros nestes cursos de formación por parte de Traballo. Aínda que non transcenderon todos os detalles desta documentación, entre os datos que se coñeceron están os cursos concedidos, a súa orde de convocatoria, as empresas e fundacións participadas por Gerardo Crespo ou a súa muller ou a posible implicación dos seus socios en casos de corrupción.

Todo isto demostra que o que se pon en xogo en Galicia é que a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, que é a que trasladou de forma supostamente irregular os fondos europeos ata as organizacións de Crespo, demostre a máis que necesaria transparencia na relación entre o sector público e o ámbito privado.

E, aínda máis neste caso, onde canda as razóns obxectivas habituais se atopan as morais, relacionadas cos máis de 200.000 parados que fan uso destes e doutros cursos para tentar atopar novas saídas laborais. Por desgracia, non se trata este dun episodio illado no que se pon en cuestión a vinculación entre o sector privado e a Xunta.

Non hai máis que remontarse ao ano 2001, cando se descubriu que a patronal galega, daquela dirixida por Antonio Ramilo, desviara fondos procedentes da Unión Europea e do Inem e destinados aos cursos de formación dos desempregados para pagarse congresos e publicidade.

Súmanse así as sospeitas e denuncias en que organizacións empresariais e sindicais se sitúan como protagonistas, en situacións nas que a transparencia debería brillar con máis vigor se cabe.

Semella que os cursos de formación, lonxe de usarse para axudar a xente a saír do paro estanse a converter en elementos de financiamento irregular de entidades políticas, empresariais e sindicais e de enriquecemento de certos estamentos desaprensivos. "

Xornal de Galicia ONLine - Editorial






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=1292