Movemento pola base abandona o BNG
Fecha Sábado, 14 marzo a las 17:36:31
Tema PHP-Nuke


Movemento pola Base comunicou formalmente que abandona o Bloque. Membros desta corrente acudiron este sábado ao Consello Nacional para dar a coñecer a escisión. Posteriormente, explicaron nunha conferencia de prensa as razóns que os levaron a tomar esta decisión.

Dende a organización que dirixe Miguelanxo Abraira, que conta con perto de 200 militantes (aínda que non todos con dobre militancia no BNG), cualificaron a decisión de “dolorosa”. Porén, aseguraron que  non podían continuar no Bloque porque a fronte nacionalista estaba cada vez máis afastada do soberanismo e da esquerda.

"O BNG foi prepotente coa súa base social"
"Vémonos na obriga de abandonar", dixo en conferencia de prensa Miguel Anxo Abraira, porque o BNG está a seguir nos últimos tempos unha liña errada". Así, os representantes de Movemento pola Base fixeron efectivo un abandono que minutos antes lle comunicaban individualmente ás diferentes correntes da organización frontista. Entre as razóns esgrimidas prevalece o suposto abandono do Bloque das ideas soberanistas e de esquerdas: "nós non compartimos esa estratexia", insistiu Abraira, ao tempo que subliñou: "a clase traballadora era a base do BNG e foi substituída polas elites en canto chegou ao poder".

Falta de autocrítica
Outro dos motivos que levou á MpB a abandonar o BNG foron as reaccións tomadas polos seus dirixentes a seguir dos últimos comicios electorais. "Aquí non hai autocrítica de ningún tipo", insiste Abraira, "din que a perda das eleccións se debeu a un crecemento do Partido Popular e iso non é certo; o que se produciu foi un descenso substancial de votos do propio Bloque". Na opinión deste colectivo, os resultados electorais están a facer "que se dean batallas e guerras por perdidas": "dicir que se perderon votos por defender o decreto do galego é inadmisíbel". Nesta liña, insistiu en que "non é unha cuestión de persoas, é unha cuestión de liña política".

Chamada a reformular o nacionalismo
Sobre o futuro da organización en solitario, Abraira insistiu en que "hai moito nacionalismo galego que non se enmarca do BNG", polo que fixo un chamamento a todas as forzas da "parroquia nacionalista" a sumárense a un proxecto común: "non hai que reformular o BNG", dixo, "o que hai que reformular é o nacionalismo". Neste sentido, subliñou que a última enquisa do CIS revelaba que eran nacionalistas un 28% dos galegos, unha porcentaxe que "dista moito do electorado do Bloque Nacionalista Galego".

Navalladas internas
Doutra banda, os representantes de MpB foron especialmente críticos co actual momento do nacionalismo galego: "hai unha cultura de navallada que ten que deixar paso a un necesario cooperativismo entre todas as forzas", subliñou Abraira. "Nós non somos políticos profesionais e non queremos participar de ningún tipo de batalla interna", asegurou. Desta volta, foi tamén especialmente crítico coa UPG, á que advertiu: "sería preciso que non houbese ningún tipo de loita interna na CIG: hai que aparcar os debates internos e adicarse á clase traballadora, que é o noso cometido". Neste sentido, subliñou: "se a UPG pensa dar a batalla para eliminarnos, nós tamén habemos loitar".

Finalmente, o responsábel de Movemento pola Base, fixo balance e asegurou que "fomos unha organización moi leal", mais "non estamos dispostos a traballar, a dar o callo na rúa e despois que se esquezan de nós".

Un sector queda dentro do Bloque

A principios de ano escenificouse unha fractura dentro de Movemento pola Base. O sector que este sábado anunciou a súa desvinculación do BNG afirma que é o lexítimo herdeiro das siglas e de feito fixo público un comunicado no que ameaza con accións legais contra os que sigan usando as mesmas. A outra póla de MpB que continúa no BNG, enfrontada aos agora escindidos, está encabezada por Manuel Mera, Antolín Alcántara e Xosé Emilio Vicente. A guerra chega incluso á rede. Mentres o sector de Abraira e Fermín utilizan o .net o de Mera e Alcántara manteñen o .org.

Link: VIONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=125