Quen gaña é o folk
Fecha Sábado, 02 octubre a las 17:25:43
Tema PHP-Nuke


Cun Teatro Rosalía de Castro repleto, o público pasouno onte en grande na entrega dos PREMIOS OPINIÓN de folk. Guadi Galego foi elixida polo xurado como a creadora do mellor traballo, co seu primeiro disco en solitario, ‘Benzón’. Se o Cuarteto Caramuxo e Nova Galega de Danza compartiron o segundo posto desta novena edición da gala, o recoñecemento a unha traxectoria foi para Na Lúa Era a festa do folk da terra e a festa de Guadi Galego, a gañadora da novena edición dos PREMIOS OPINIÓN. Emocionada recibiu o galardón no Teatro Rosalía de Castro; emocionada porque co seu disco Benzón debutou en solitario; emocionada porque o público agradeceulle con aplausos o seu traballo a prol da música galega.


© 2010 La Opinion Coruña



Cheo a rebentar no teatro. Empezou o outono e con el o cheiro a castañas por Riego de Agua e pola rúa Real. "Serán dúas horas de música feita por músicos galegos e iso é o máis importante", destacou Miguel Fernández, xornalista que se encargou de facer de conductor da gala, unha voz e unha cara coñecida porque ata fai pouco presentaba na Televisión de Galicia do programa cultural Miraxes.
O primeiro en subir ao escenario foi Germán Díaz, un mago da zanfona que durante vinte minutos abraiou aos presentes coa súa capacidad para facer vibrar este peculiar instrumento. Creativo da música, pois a sonoridade das súas notas encheu o escenario, pero tamén da verba. É de Valladolid, pero leva moitos anos en Galicia, dende que colaborou co grupo Laio, polo que xa empeza a pegárselle a retranca. Tivo tempo ata de contar unha anécdota, cando nun concerto un home de 92 anos non paraba de interrumpilo entre canción e canción, ata que o vello lle dixo: "Recordo escoitar este instrumento no pobo, pero con música bonita". De repente, os aplausos tornáronse en gargalladas e as gargalladas en aplausos.
A zanfona pode interpretarse só, como fixo Germán Díaz, ou acompañado. Foi o caso do seguinte grupo: 8 Rodas, que forman a sección deste instrumento na orquesta SondeSeu. Ofreceron un recital de ritmos, con pezas que eles mesmos definiron como "tuneadas". Germán Díaz e 8 Rodas foron o anticipo dunha noite cargada de folk.
O primeiro momento emotivo chegou da man do grupo Na Lúa, merecedor do PREMIO OPINIÓN ANDAINA SENLLEIRA 2010. O xurado destacou dos seus integrantes os trinta anos de traballo en defensa da lingua e da cultura galega. Agora, o grupo atópase nunha etapa de "silencio" e incluso eles bromearon cun posible retorno: "Imos volver, pero hai que esperar a que pase a crise".
As boas sensacións continuaron no Rosalía coa presentación en solitario de Sonia Lebedynski. Soa no escenario con Xosé Lois Romero e o seu acordeón. "O noso propósito é facer a música que sentimos", destacou a artista, antes de demostrar que é capaz de encher coa súa voz todo o teatro. Pediu "tempo" para publicar o primeiro disco: "Hoxe [por onte] será o primeiro paso desta nova andaina".
O público mostrouse encantado coa artista e ela agradecida pola oportunidade de dar ese paso adiante acabou con Paraíso de sal. "Viñamos con ilusión e un pouco... nerviosos. É o comezo dalgo que perdurará no tempo", destacou Sonia Lebedynski.
Tanto Guadi Galego como Sonia Lebedynski compartiron escena nos primeiros PREMIOS OPINIÓN. Onte, volveron ser protagonistas, pois a artista cedeirense gañou esta novena edición. O xurado quixo destacar o bo traballo de Guadi Galego no seu disco Benzón, no que mestura pop, jazz e folk, e grazas o cal conseguiu ser o mellor álbum do ano na votación.
Non foi a única triunfadora da noite. O xurado otorgou dous premios máis e, como novidade, foi compartido. En segundo posto nos PREMIOS OPINIÓN de folk quedaron Nova Galega de Danza, polo seu disco Tradicción, e Cuarteto Caramuxo —"Encantados da vida"—, co seu traballo Tiruriru.
A felicidade de todos era evidente por ser protagonistas nesta gala organizada por Óscar Losada, crítico musical deste xornal. A Guadi Galego entregoulle o galardón o gañador do ano pasado, o grupo Lizgairo polo seu disco Diacronías. A artista estivo moi emotiva e tratou de non esquecerse de ninguén.
Guadi Galego fixo un pequeno percorrido por aqueles que lle axudaron a converterse nunha das galegas más recoñecidas do folk. Primeiro, agradeceu a colaboración de "25 amigos e amigas" que tivo neste primeiro disco en solitario porque sen eles non existiría Benzón. E despois chegou o turno doutros amigos e amigas cos que se formou na música, como Berrogüetto, grupo ao que estivo unida durante dez marabillosos anos.
Pero como de verdade agradeceu Guadi Galego este primeiro premio foi coa súa voz, coa interpretación dalgunhas das cancións máis destacadas do seu disco. Un privilexio, pois debido aos múltiples colaboradores que tivo non foi un álbum para levar a escena. Nesta ocasión estivo acompañada polo trío do pianista Alejandro Vargas, tres artistas cubanos que despois de demostrar as súas capacidades con A descarga ao vivo empezaron a colaborar coa gañadora. Un final perfecto para unha noite perfecta.

Link: Fernando B. - La Opinión Digital ONLINE






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=1211