CIG : preguntas máis frecuentes - folga xeral
Fecha Martes, 28 septiembre a las 17:41:16
Tema PHP-Nuke


Dende a Confederación Intersindical Galega dan resposta as principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria da xornada de folga xeral do vindeiro mércores 29 de setembro para que todos os traballadores e traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade:



1. Cal é a miña situación laboral no día de folga?

Durante a xornada de folga, o contrato de traballo está suspendido, ficando sen efecto as obrigas recíprocas do traballador ou traballadora e a empresa: traballar e pagar o salario. Para os efectos de Seguridade Social, o traballador ou traballadora permanece nunha situación asimilada á alta.

2. Canto me poden descontar polo día de folga?

No día de folga, descóntase a parte proporcional dos conceptos salariais e extrasalariais que correspondan a esa xornada, así como das partes proporcionais das pagas extraordinarias. O teu dereito ao desfrute de festivos e vacacións non se ve prexudicado polo feito de secundares a folga.

3. Teño a obriga de comunicar á empresa que vou á folga?

Non, o dereito á folga faise efectivo unha vez que esta comeza. Non tes a obriga de comunicares á empresa se vas facer folga ou non. É máis, pedir a un traballador que asine un escrito manifestando a súa intención de secundar ou non a folga é unha infracción administrativa e pódese denunciar perante a Inspección de Traballo.

4. Se lle asinei un papel ao empresario dicindo que non vou facer folga, podo cambiar de opinión?

Aínda que llo asinases con sangue. O dereito á folga é un dereito irrenunciábel e exércese no momento en que a folga comeza. O documento que asinaches non é vinculante porque vulnera un dereito fundamental.

5. Pódenme despedir ou sancionar por ir á folga?

De ningunha maneira. O dereito á folga é un dereito fundamental. En caso de sanción ou despedimento, seria considerado nulo e o empresario tería que reincorporarte nas mesmas condicións que tiñas.

6. Pode calquera empresa fixar servizos mínimos?

Os servizos mínimos están destinados á estrita prestación dos «servizos esenciais para a comunidade» (sanidade, educación, hixiene pública, transportes públicos, etc.) durante a folga, polo que é a Autoridade Laboral a que estabelece en que empresas e administracións hai que facelos e en que consisten. As empresas que non prestan estes «servizos esenciais para a comunidade» só poden impor «servizos de mantemento», destinados a garantir a seguridade das persoas e locais e o seu mantemento (instalacións, maquinaria, materias primas, etc.) cando sexa necesario, mais nunca con carácter produtivo.

7. Se me designan para os servizos mínimos, aínda que sexan abusivos, teño que ir traballar?

En principio, si. Non ires traballar cando es designado ou designada para os servizos mínimos pode ser motivo de sanción ou mesmo de despedimento disciplinario. Así pois, debes ir ao teu posto de traballo e recorrer xudicialmente os servizos mínimos impostos se entendes que son indebidos ou excesivos.

8. É delito que a empresa me diga que se non vou traballar o dia da folga me ateña ás consecuencias?

Por suposto que o é. A folga é un dereito fundamental, polo que a coacción para evitar o seu exercicio está tipificada como delito. Se o empresario fai iso con testemuñas, debes comunicalo ao sindicato para presentarmos a correspondente denuncia.

9. Compútase o dia de folga para os efectos de cálculo do absentismo laboral?

Non. Está expresamente excluído este suposto para os efectos de cálculo do absentismo laboral.

10. É legal ir nun piquete polas empresas falando cos traballadores e traballadoras para que secunden a folga?

Totalmente legal. O dereito a informar os traballadores e traballadoras dos motivos da folga e da necesidade da súa participación fai parte do propio dereito de folga.

Link: CIGONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=1201