Terra Galega (TEGA) fai augas na comarca
Fecha Miércoles, 25 agosto a las 10:54:45 Tema PHP-Nuke
Terra Galega (TEGA) fai augas na comarca de Ferrol. Iso polo menos
transmiten os membros da formación en Valdoviño que, logo de manter unha
reunión de varias horas na xornada do pasado luns, recoñecen
abertamente que a súa desvinculación do partido só é unha cuestión de
tempo. Esa marxe de confianza é o que agora están dispostos a dar a
alcaldesa, Isabel Álvarez, e o edil de Urbanismo, Gonzalo Doce, ao
alcalde de Narón, Xosé Manuel Branco, para que se sitúe á fronte dunha
formación que "a día de hoxe está morta" e na que "fálase de todo, menos
de política".
Esta postura, polo tanto, deixa en mala situación ao actual secretario
xeral de TEGA, Xermán Tobío, unha persoa á que os membros do partido en
Valdoviño non recoñecen como líder "porque nunhas eleccións como produto
non vale".
Este sentimento vai aínda máis aló cando os afiliados de Valdoviño
culpan directamente a Tobío da situación actual que atravesa o partido
no ámbito comarcal. Del din que "está descafeinando unha formación que
naceu coa esperanza de converterse na cuarta vía que necesita Galicia" e
ao que piden que abandone o cargo para "poder seguir apostando polo
proxecto". Este truncouse, segundo algúns apuntan, a partir do proceso
que acabou co abandono de Xoán Gato como líder indiscutible dun partido
que chegaba ao panorama político coa intención de ofrecer ao electorado
alternativas diferentes e comprometidas coa defensa dos intereses
xerais de Galicia.
Agora, a menos dun ano das eleccións municipais, existe tanto desencanto
entre as filas de TEGA que se pon en dúbida a presentación de 200
listas de face aos citados comicios, tal e como vén anunciando desde a
dirección comarcal do partido.
No entanto, o seu máximo representante, Xermán Tobío, reitera tal
posibilidade e desmente categoricamente calquera tipo de escisión dentro
dunha agrupación de Valdoviño, á que a día de hoxe, están vinculadas un
total de 15 persoas.
Segundo o secretario xeral de TEGA, a única baixa que se producirá ten
que ver con cuestións persoais, "pero non así por estar en desacordo con
Terra Galega", subliñou. Por outra banda, considerou que a única voz
que existe con autoridade para falar da situación real que do partido en
Valdoviño é a da súa alcaldesa, Isabel Álvarez, e criticou a
declaración pública do alcalde de Neda, Ignacio Cabezón, no sentido de
anunciar a marcha de Álvarez de TEGA.
Por outra banda, considerou probado que a desvinculación de Cabezón de
Terra Galega non obedece a outros intereses que o de corresponder a
favores recibidos da formación conservadora.
Neste sentido, cabe recordar que un comentario moi similar era o
utilizado para xustificar a marcha do primeiro tenente de alcalde de
Valdoviño, Antonio Montero, polo que Xermán Tobío acusaba abertamente
aos líderes do PP de "practicar as escuras artes do subornos" para
minguar as posibilidades electorais de TEGA.
Link: DFONLine
|
|