Catro firmas fanse co 20% das parcelas do polígono
Fecha Domingo, 08 agosto a las 12:27:11
Tema PHP-Nuke


Foi pouco antes do verán cando o Concello cedeirense asinou a recepción do polígono empresarial da Trave por parte da Consellería de Medio Ambiente da Xunta. Agora, apenas unhas semanas despois, cerca do 20% das parcelas xa teñen dono.

Ata o momento, catro firmas xa compraron nove das 53 parcelas de entre 900 e 1.300 metros cadrados coas que conta o espazo. O novo polígono dispón dun total de 103.000 metros cadrados, dos cales 9.831 corresponden ás catro empresas.


Fontes do Concello de Cedeira detallan que entre elas se atopa unha procedente de Segovia e destinada á produción eléctrica con biomasa. Tamén adquiriu terreo no polígono cedeirense unha firma de Vigo que leva fabricando caixas acústicas máis de 20 anos e que só a curto prazo prevé crear uns cincuenta postos de traballo directos e outros tantos indirectos con persoal da comarca entre carpinteiros, pintores, enxeñeiros e programadores, entre outros.

En terceiro lugar atópase unha empresa que cultivará algas mariñas na vila para alimentación e fins farmacéuticos. A súa intención inicial era instalarse no porto, pero finalmente a firma adquiriu varias parcelas no polígono despois de que a Confraría de Pescadores de Cedeira, entre outros, non vise con bos ollos o proxecto.

Ademais de producir algas, a empresa fornecerá a outra firma do seu grupo. A intención dos promotores é elaborar pratos preparados a base de algas e outro tipo de produtos da ría. Estarán ideados seguindo as receitas dos mestres de cociña que asesoran á empresa para así distribuílos a restaurantes da comarca e do resto de España. Para rematar, a cuarta empresa que xa dispón de terreo no recentemente terminado polígono empresarial dedicarase á construción de aeroxeradores verticais.

Ademais destas catro firmas, que entre todas suman nove parcelas, fontes da Consellería de Medio Ambiente apuntan que hai reservadas outras tres, en total 1.278 metros cadrados, e outra empresa máis manifestou o seu interese por instalarse na Trave.

Dos 103.000 metros cadrados do polígono -situado na parroquia de San Román entre os núcleos de Outeiro e A Veciñeira-, as 53 parcelas ocupan 59.062 metros cadrados e o resto está destinado a zonas verdes, equipamentos, viarios e prazas de aparcadoiros. Fuentes municipais apuntan que tamén existe a intención de abrir unha gasolineira no polígono e que outros pequenos comercios, actualmente situados no centro urbano da localidade, xa mostraron o seu interese por estender o seu negocio e trasladarse ao novo espazo empresarial.

O concelleiro de Industria no Concello de Cedeira, o nacionalista Alfredo del Río, asegura que a boa acollida que está a ter o polígono por parte das empresas «é unha excelente nova porque supón a creación de novos postos de traballo ademais de traer ilusión e confianza á vila».

Engade que polígonos «doutros concellos próximos non tiveron unha resposta tan boa como a nosa. Tratar dunha actuación decisiva que resultará moi positiva para todos», apunta o edil.

Link: VONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=1107