Sotavento - Por Vicente Araguas
Fecha Sábado, 07 agosto a las 13:19:56
Tema PHP-Nuke


Artigo publicado no Diario de Ferrol.

Eu xa teño falado do poeta cedeirés, Javier R. Vergara, nestas páxinas. Mais non por razóns poéticas senón por cuestións lexicográficas, tamén relativas á etnografía, e iso polo seu libro exemplar “Redes e peixes. Saberes dun mariñeiro”.
No que aprendemos artes, costumes, palabras aplicadas ao mester que se ven practicando en Cedeira desde que o ser humano tomara posicións na fermosísima vila. Onde é imposible non sentirse ben. Onde as ondas son cristal e aceiro. Onde a xente ten por norma acoller con hospitalidade a quen alí acode.
Así que xa imaxinarán con que alegría vou estar en Cedeira, mañá, as 12: 30, no Auditorio. Presentar a última aventura poética de “Sotavento” chamada “Camino de Aromas”. Estarei co autor e con Xosé Luís Vergara, alcalde de Cedeira, e tamén co musicólogo Xosé Antón Suárez. Os catro a encetar esta boroa que recende, esta bola poética sabedora, na que hai amor humano, e hai anseios místicos, e hai poesía para todas as estacións desde as anécdotas que se fan categoría porque “Sotavento” hai moito que se mergullou no mar da lírica.
E tivo de facelo por necesidade, porque neste home aniña unha radicalidade poética, un sentir dorido, que se non se fai verso estoupa, estala, voa e revoa nunha chea de estrelas no ceo de Cedeira. Riba de Ponta Candieira, en San Antón do Corveiro ou camiño de San Andrés. Coma nós, mañá domingo no Auditorio de Cedeira, ás 12: 30. Arroupando a Vergara como merece.


Link: DFONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=1104