ARI a partires de 2011
Fecha Domingo, 25 julio a las 20:39:40 Tema PHP-Nuke
Ao socaire do monte Eixil, o que lle serviu de defensa natural de
piratas e invasores, Cedeira é unha das vilas mariñeiras mellor
conservadas da costa galega. Esta característica tampouco se escapou a
unha visión máis técnica daquelas persoas que agora están á fronte da
delegación de Ferrol do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Foron
elas as que fixeron chegar á Alcaldía cedeirense unha proposta que
garante, a medio prazo, un investimento de case 4,5 millóns no casco
histórico da vila. A fórmula non é outra que a oportunidade que ten o
Concello de acollerse ao Plan de Vivendas e Rehabilitación 2009-2012
para desenvolver un Área de Rehabilitación Integral no conxunto de 383
edificios "dos que 307 son unifamiliares" que a día de hoxe sitúanse
entre a ladeira do monte e a ensanada da praia da Magdalena.
© 2010 - Diario de Ferrol
O alcalde de Cedeira, o socialista José Luís Vergara, ve tres principais
razóns para aceptar de bo grado a idea que, en calquera caso, nunca
chegará a materializarse de forma inmediata. O investimento realizado
nos últimos anos para urbanizar o casco antigo (máis de 1,3 millóns de
euros), o envellecemento da poboación que nel ten fixada a súa
residencia e a necesidade de facer deste conxunto histórico un lugar
máis atractivo para a xente nova son os argumentos que Vergara
interpreta como incuestionables para apostar pola área de
rehabilitación, unha fórmula que a día de hoxe xa se aplica con notable
éxito noutros municipios da comarca como poden ser os casos de Ferrol,
Neda e Mugardos.
A proposta ten todas as posibilidades de saír adiante, por canto un 70%
dos edificios que se localizan no citado espazo urbano teñen un
innegable interese patrimonial. Así, todos e cada un destes propietarios
terían a opción de acollerse a unhas axudas, que poderían chegar ata os
10.000 euros, para acometer calquera reforma, tanto de interiores como
de exteriores, nas vivendas. En base a este último dato, os expertos
entenden como razoable unha media de 25 intervencións ao ano, o que
daría lugar a un investimento conxunto de 250.000 euros anuais. Esta
estimación tamén se traduce nunha axuda de 100.000 euros para proxectos
de reurbanización e noutra de 60.000 euros anuais para contribuír ao
mantemento da oficina de rehabilitación.
Estes cálculos realízanse en base aos oito anos que tería de vixencia a
área de Rehabilitación Integral, o que elevaría ata os 4,3 millóns de
euros o investimento que quedaría no municipio, sumando tanto axudas
públicas como privadas.
O alcalde de Cedeira, José Luís Vergara, garda temporalmente o convenio
proposto polo Colexio de Arquitectos á espera do orzamento do próximo
ano. No mesmo, segundo o rexedor, figurará unha partida específica para
acometer a rehabilitación integral do casco histórico. A partir da firma
do protocolo, o proxecto podería comezar a desenvolverse nun período
máximo de catro meses.
Link: DFONLine
|
|