ASTANO VERSUS AS PONTES E CERCEDA
Fecha Miércoles, 14 julio a las 14:02:35
Tema Colaboradores


Un artigo de F. Branco oarga publicado no xornal Diario de Ferrol.

Fernando Branco Parga é delegado sindical da CIG-Endesa e membro da Executiva Comarcal do BNG

" Na comarca de Ferrolterra –aínda que por desgraza non é este o único caso en Galiza– temos moita experiencia de como se xustificou o desmantelamento dun dos nosos sectores produtivos. Un expediente aberto por unhas axudas públicos do Estado ao conxunto do Sector Naval do Estado, consideradas ilegais pola Comisión da Competencia da UE, rematou, logo dunha negociación política, nun veto á construción naval civil no estaleiro de Fene.
Após dun proceso de mobilización social, coa recollida de sinaturas para impulsar unha ILP, diversos actos públicos, manifestación, peche no Concello de Fene, etc., dinos o Ministro de Industria que é mellor deixar as cousas como están, non molestar a Europa coa teima da reapertura do proceso de Astano e, agora, xa fica claro que o Presidente Zapatero mentiu no Congreso cando se comprometeu, a preguntas do BNG, a solicitar formalmente baixo a súa presidencia a revisión do acordo sobre o Naval.


Porén, non ten eses reparos nin esa pasividade o Goberno do Estado cando se trata doutros sectores. Estes días vén de solicitar diante da UE, da mesma Comisión da Competencia que dirixe o sr. Almunia, que se lle permita aportar axudas públicas para o consumo do carbón autóctono; aínda que neste asunto existan informes contrarios das denominadas Comisión Nacional da Enerxía, da Comisión Nacional da Competencia e do propio Consello de Estado.
Para solicitar a aprobación a estas axudas, tamén estatais, houbo tempo e interese en estudar a fondo a lexislación europea e atopar resquicios onde argumentar; un tempo e un traballo que non se adicou a Astano.
De aprobarse estas axudas, como se prevé, significará que dez centrais térmicas de carbón do Estado –ningunha en Galiza– que actualmente non producen polo seu alto prezo, van ter asignada obrigatoriamente unha parte da produción eléctrica, con prioridade sobre outras instalacións.
Isto vai supor unha reducción, case que total, da actividade de xeración eléctrica en Cerceda, As Pontes e Sabón, nun período inicial de tres anos. Con repercusión negativa en todo o tecido produtivo: Descarga en Portos, transporte, mantemento, aprovisionamentos, etc.
Curiosamente dáse esta situación logo de esgotar a nosa materia prima, os lignitos pardos, exportar durante decenios a enerxía xerada, con igual prezo onde se producía a onde se consumía. Lembrar por exemplo que a Comunidade de Madrid, entre outras, practicamente non xera un só quilowatio; e cando agora os grupos térmicos poden consumir un carbón importado que reduce moi considerabelmente as emisións, tanto de xofre como de dióxido de carbono, e xera un quilowatio máis barato que o producido con carbón doutras Comunidades Autónomas.
Cantas xustificacións houbo para paralizar Astano, mesmo con colaboradores activos no propio País, e cantas xestións reais fanse agora para apoiar a outro sector –o carbón español–, sen que se coñezan neste proceso ningunha medida para compensar a estas dúas Comarcas galegas.
O Goberno é Central, mais non goberna igual para todas e todos. E, a súa filial en Galiza, como xa fixeron non seu día, hoxe queixase deste novo golpe económico e maña pasarán a edulcoralo e xustificalo, como fan agora co naval.
E namentres, o Goberno da Xunta, como xa é a súa norma, calou cando se aprobaba en febreiro o Real Decreto 134/2010, pois estaba máis interesado en desmontar os avances conseguidos polo anterior goberno e agora, para eles, a culpa é só do Goberno Central, pois como todo o mundo xa coñece, o Goberno da Xunta non está para gobernar. Estamos, claramente, perante un goberno demoledor..... "

Link: M. Formoso - DFONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=1071