XXIII Congreso da Asociación Internacional para a Defensa das Linguas
Fecha Domingo, 04 julio a las 19:01:31
Tema PHP-Nuke



Esta fin de semana celébrase en Barcelona o vixésimo terceiro Congreso da Asociación Internacional para a Defensa das Linguas e das Culturas Ameazadas (AIDLCM, nas súas siglas en francés), unha entidade constituída hai máis de medio século que acolle realidades lingüísticas minorizadas de todo o mundo.

O Presidente da Mesa, Carlos Callón, que asistirá xa desde hoxe a este encontro internacional, intervirá nunha das conferencias previstas para a xornada de mañá sábado cunha comunicación na que explicará cal é a actual situación social do galego desde a perspectiva social e legal. Callón fará énfase na “alarmante involución” que está a vivir o proceso de normalización lingüística en Galiza desde a chegada de Alberto Núñez Feijóo ao goberno da Xunta, ben como no “deterioro” do marco lexislativo, nomeadamente en ámbitos como o ensino e as administracións públicas.




A Mesa, principal entidade cultural de Galiza en número de asociadas e asociados, con case 4.000 membros, aproveitará a súa participación no Congreso da AIDLCM, a través do seu presidente, non só para denunciar internacionalmente a “moi delicada” situación da nosa lingua propia, senón tamén para “pór en valor” e “destacar a impresionante reacción cívica da sociedade galega contra as medidas contrarias á lingua e á cultura propias”.

A asociación cidadá en defensa do galego, nacida hai 24 anos, participa activamente desde hai anos en diversos foros e organismos internacionais de defensa da diversidade lingüística e cultural e de observancia dos dereitos lingüísticos. Para alén de ser entidade impulsora da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos, A Mesa é entidade interlocutora en Galiza do Comité de expertos do Consello de Europa encargado de velar pola aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM), ratificada polo Estado español en 2001. Fixo parte, así mesmo, da Axencia Europea para as Linguas Minorizadas (EBLUL), organismo con rango de entidade consultiva ante o Consello de Europa e ante a ONU.






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=1061