Centro de Cedeira
Fecha Miércoles, 23 junio a las 11:45:41
Tema PHP-Nuke


En total son algo máis de 300, das que ao redor de 110 están deshabitadas desde hai anos. Son as vivendas en plena zona vella da vila de Cedeira, das que, segundo denuncia o Concello, a terceira parte está en estado de abandono.

A maioría son unifamiliares con varias plantas sen ascensor e concéntranse nas rúas Fernando Lago, Real, Tetuán e Cristo, entre outras. Nos últimos anos o número de vivendas deshabitadas creceu no centro da vila, tal e como denuncia o rexedor, José Luis Vergara. Gran parte delas son propiedade de veciños do municipio que hai tempo decidiron trasladarse á parte nova de Cedeira. Outras casas ten varios donos que non terminan de porse de acordo sobre que facer con elas e hainas cuxos responsables residen fóra do municipio. Por unhas razoas ou por outras, o caso é que a terceira parte das vivendas do centro atópanse abandonadas e sen que ninguén se faga cargo de restauralas ou polas á venda.


Así o explican desde a inmobiliaria cedeirense García Forestal, que nos últimos anos vendeu algunhas destas casas, aínda que a crise económica freou gran parte da actividade. «Só na praza reitoral da vila, un dos lugares máis bonitos, hai unha alta porcentaxe de vivendas baleiras. Os propietarios non as poñen á venda, non as coidan e tampouco as restauran, e iso provoca un efecto moi feo», explican desde a axencia inmobiliaria. Ademais dun asunto estético, en ocasións tamén supón un problema de seguridade, tal e como ocorreu nunha casa abandonada do centro que se derrubou fai algo máis dun mes.

O comprador deste tipo de inmobles adoita ser «xente de fóra que quere rehabilitar a vivenda e utilizala como segunda residencia», aseguran. «Pero neste momento nós só temos dous á venda».

O certo é que moitos veciños recoñecen que o centro da vila presenta algunhas incomodidades como, por exemplo, os accesos, pois as rúas son moi estreitas e as prazas de aparcadoiro son escasas. Ademais, foi hai pouco, o pasado ano cando o Concello reurbanizó o centro co diñeiro do Fondo Estatal de Investimento Local.

Máis aparcadoiros

O rexedor recoñece que a próxima tarefa será crear aparcadoiros disuasorios nas inmediacións da rúa Fernando Lago e o barrio de Crónicas. O que sexa con tal de «recuperar a poboación no centro da vila», asegura o alcalde, «queremos conseguir que á xente vólvalle a compensar vivir no centro». Para lograr ese obxectivo, ademais da vontade de cada propietario, o Concello cre imprescindible crear un plan de rehabilitación para o centro da vila similar ao doutros centros históricos. Neste sentido, explica o alcalde que hai xa catro meses propuxo a Agustín Hernández, conselleiro de Territorio e Infraestruturas da Xunta, «que liderase o plan de rehabilitación de Cedeira, pero aínda estamos a esperar unha resposta».

O ideal, asegura, «sería asinar un convenio entre o Concello e a Xunta para sacar adiante a rehabilitación do centro cun plan similar ao que ten Ferrol co Urban». Máis aínda cando as casas desta zona «teñen unha demanda importante sobre todo entre persoas de fóra». Actualmente o prezo destas casas oscila entre os 60.000 e os 180.000 euros en función do estado no que se atopa o inmoble, segundo a inmobiliaria García Forestal de Cedeira.

Link: VONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=1037