Unhas cinco mil persoas
Fecha Martes, 22 junio a las 12:02:18
Tema PHP-Nuke


A primeira Festa do Percebe de Cedeira organizada polo Concello en colaboración coa comisión de festas e a recentemente creada Iniciativa para a Promoción Turística, congregou o pasado fin de semana a unhas cinco mil persoas, que non perderon a oportunidade de saborear o marisco estrela da vila.

O concelleiro de Festas, Xermán Tobío, explicou que foi un público moi variado, «no que o 50% foi xente da comarca, o 35% de toda Galicia, e o 15% restante turistas, moitos deles estranxeiros».


A diferenza das pasadas edicións, organizadas pola confraría de pescadores, a cita adiantouse ao mes de xuño, cando o habitual era que tivese lugar no ecuador do verán, entre finais de xullo e principios de agosto. «Estamos moi contentos, porque é un cambio de mes, non é tan fácil atraer xente como en xullo, pero cando dás comodidade, o público responde», comenta o edil de Festas.

A organización esgotou existencias e repartiu 4.000 racións de 250 gramos de percebe, é dicir, mil quilos de crustáceo, 500 o sábado e outros tantos o domingo.

Establecementos

Os crustáceos podíanse adquirir tanto nunha carpa instalada no paseo da Marina como en case unha trintena de establecementos da vila. Unha novidade que, segundo sinalou Tobío, foi todo un éxito, xa que «dous terzos dos visitantes á festa degustaron o produto nos bares e locais e un terzo fixérono no paseo cedeirense».

O tempo, que foi benévolo, axudou a que a degustación gastronómica fose máis numerosa do previsto. «Superamos as expectativas, sen ningunha dúbida», sinalou o concelleiro de Festas de Cedeira.

O propio edil enviou onte unha nota de agradecemento á confraría de pescadores de Cedeira «tanto polos medios que nos prestaron como polo asesoramento que nos brindaron, dada a súa experiencia en anos anteriores».

A organización planea ofrecer no que queda de verán outras tres citas gastronómicas, que poderían pór en valor produtos propios do municipio como os cogomelos da Capelada, a pescada ou a coquina.

Link: VONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=1032