O BNG axusta contas internas
Fecha Martes, 15 junio a las 11:47:40 Tema PHP-Nuke
En maio do ano pasado, o BNG pechaba unha asemblea extraordinaria que
marcaba un punto de inflexión na historia da fronte nacionalista. Coa
resaca dunha recente derrrota electoral, a militancia escollía unha nova
dirección que reflectía unha fonda división interna, dúas maneiras de
ver a realidade organizativa e social que semellaban difíciles de facer
confluir.
Pasado máis dun ano daquel cónclave, a fenda que separa os dous grandes
movementos internos do Bloque lonxe de diminuir aumenta. A UPG e Máis
Galiza (que recolle a herdanza do antes denominado 'quintanismo') son
quen de chegar a moi poucos acordos internos e os puntos de fricción son
case continuos. Os últimos tremores, algúns de intensidade máis que
preocupante, están a producirse coa elección das listas municipais.
A
falta de saber como quedará o pulso na capital de Galiza entre Rubén
Cela (UPG) e Xoán Carlos Báscuas (Máis Galiza) e na Coruña entre Afonso
Sánchez Regueiro ('tellismo', Encontro Irmandiño e previsibelmente Máis
Galiza) e Xosé Manuel Carril (UPG), a Unión do Povo Galego está a
mostrar máis forza interna nas loitas urbanas.
O partido que
dirixe Francisco Rodríguez marcará a dirección nas candidaturas de Lugo
(Antón Bao), Ourense (Isabel Pérez), Pontevedra (Miguel Anxo Lores) e
Ferrol. Santi Domínguez (Máis Galiza) volverá ser candidato á Alcaldía
de Vigo, aínda que a UPG terá un peso decisivo ao copar os teóricos
postos de saída.
As tensións internas poden chegar ao Consello
Nacional
O Encontro Irmandiño, a corrente que lidera Xosé
Manuel Beiras, instou esta fin de semana á dirección do BNG a convocar
un Consello Nacional extraordinario para que “se resolvan os casos de
privación de dereitos básicos de participación no proceso de elaboración
das listas municipais do BNG para moitos militantes”. Os irmandiños
queren que quede sen efecto unha depuración do censo promovida pola UPG o
mes pasado e que deixou sen posibilidade de voto nos procesos internos a
afiliados que non tiñan as cotas ao día.
A polémica polos censos
afecta especialmente á Coruña. Nesta cidade agárdase que a elección de
candidato sexa moi apretada. O chamado “tellismo”, canda o Encontro
Irmandiño intentan buscar unha alianza con Máis Galiza para derrotar a
UPG na asemblea local.
Despois dos procesos nas principais
cidades chegará a quenda das cabeceiras de comarcas, onde tamén se
agardan fortes loitas entre as dúas principais faccións do BNG.
Link: VIONLine
|
|