Socialistas do FMI
Fecha Sábado, 12 junio a las 21:43:06
Tema PHP-Nuke


Un artigo de Aymerich publicado no Xornal.

Tomemos nota. Ser socialista significa, en versión española, facer recortes sociais. Canto antes e, se se acometeren todos xuntos, mellor. “Este goberno de improvisadores fixo o axuste antes que ningún país, antes que Francia, Alemaña, Italia e o Reino Unido”, alardeou ufano un Felipe González que non puido atopar mellor eloxio para Zapatero. Ao tempo, iso si, que lle lembraba as reformas aínda pendentes: a reforma laboral, a do sistema financeiro e a das pensións. Nin máis nin menos. Mais pode ficar tranquilo o asesor de Repsol e Telefónica, Zapatero é un alumno avantaxado, un servo obediente da nova Internacional Socialista, o FMI, que non dubida mesmo en facer apostolado: “Zapatero recomenda a Clegg facer recortes en bloque e non dosificalos”. Como debe ser.


Non improvisan. Apenas seguen un guión xa escrito. Escrito, por exemplo, no informe elaborado polo FMI o pasado 24 de maio sobre a economía española no que, sen ambaxes, ínstase ao goberno español a proseguir na senda dos axustes acometendo as consabidas “reformas estruturais” do mercado de traballo –abaratando o despedimento e flexibilizando a negociación colectiva coidando de que estas reformas non dificulten a contratación temporal “no curto prazo”–, do mercado financeiro –privatizando as caixas de aforro–, dos mercados de servizos –afondando nunha liberalización que se ha traducir en rebaixa de prezos e de custos, tal e como estamos a comprobar coa factura da luz – e, enfin, do sistema de pensións– atrasando a xubilación e calculando a pensión sobre o conxunto da vida laboral. Como se ve, nin Zapatero nin González resultan nisto orixinais. E, contodo, este é o mesmo Zapatero que unha vez confesara estar a ler O Malestar na Globalización, no que Stiglitz repasa os seus anos como vicepresidente do Banco Mundial, en plena crise da débeda en Latinoamérica e Asia e de re-instauración do capitalismo na antiga URSS e na Europa central e do leste. Viríalle ben, viríanos ben a todos, que o presidente español deixase de se vergar ante a Comisión Europea e o FMI e lembrase algunha das conclusións do economista norteamericano como, entre outras, a que a seguir se transcrebe: “Igualmente preocupante é o que a globalización pode facer coa democracia. A globalización, tal e como foi defendida, adoita querer substituír as antigas ditaduras das elites nacionais pola nova ditadura das finanzas internacionais. Os países, de facto, son avisados de que de non respectaren determinadas condicións, os mercados de capitais negaranse a lles emprestar diñeiro. En esencia son forzados a renunciaren a unha parte da súa soberanía e a deixar que os caprichosos mercados de capitais os disciplinen, aleccionándoos acerca do que deben e non deben facer. Mais os países poden elixir e entre as súas opcións figura o grao en que desexan submeterse aos mercados internacionais de capitais. Aqueles que, como os países do leste asiático, evitaron as restricións do FMI creceron máis rapidamente, con máis igualdade e con maior redución da pobreza que os seguiron os seus mandamentos”. Penso que a cita, escrita en 2001 e referida aos países en vías desenvolvemento, é moi pertinente hoxe para unha Europa que se arrisca, de seguir os mandatos do capital, a retroceder en poucos meses o progreso social que custou décadas conquistar. Que Zapatero tome nota. E que rectifique.
Link: XORONLine






Este artículo proviene de Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA
http://localhost/nuke81

La dirección de esta noticia es:
http://localhost/nuke81/modules.php?name=News&file=article&sid=1009