A CIG celebra o 10 de Marzo, 'Día da Clase Obreira Galega' con mobilizacións nas sete cidades
Baixo o lema “O emprego, os salarios e as pensións deféndense loitando”
Diante
das alternativas que se están a barallar por parte dos gobernos central
e galego para atallar a crise económica, “a conta dun sacrificio enorme
por parte da maioría social, que son os traballadores/as, mentres que
aqueles que a provocaron van saír de rositas”, a CIG acordou darlle un
carácter máis mobilizador a este 10 de marzo, Día da Clase Obreira
Galega. Por iso, este ano convocará manifestacións nas sete cidades do
país baixo o lema “O emprego, os salarios e as pensións deféndese
loitando”. Ademais, celebrará, por cuarto ano consecutivo, o Premio do
Día da Clase Obreira Galega, nun acto que terá lugar, en Compostela, o
día 9 de marzo.
Emprego, salarios e reforma das pensións son algúns dos aspectos nos
que a CIG centrará as mobilizacións do vindeiro 10 de Marzo. Xunto a
isto e alén de presentar as súas alternativas, a central sindical
denunciará as políticas que se están a seguir por parte dos gobernos,
tanto central como galego, “coa complicidade das centrais sindicais
estatais”. Así o explicou Suso Seixo, secretario xeral, na rolda de
prensa convocada para explicar en que consistirá a campaña do Día da
Clase Obreira Galega.
Seixo lembrou que ao comezo da crise, a CIG xa adiantaba que a saída
podía darse por dúas vías, incidindo aínda máis en medidas neoliberais
ou apostando por un modelo socioeconómico máis solidario, xusto e
democrático. Lamentablemente, o primeiro “é o modelo que se está a
seguir por parte dos gobernos, coa connivencia das centrais sindicais
estatais. Non hai máis que ver o que está a ocorrer coa reforma laboral
e co pacto salarial a nivel de estado, que supón na práctica un recorte
de salario para os próximos 3 anos”.
O secretario xeral da CIG denunciou que a crise económica viu
motivada polo fomento dunha economía especulativa que “xerou enorme
lucro para os oligarcas e especuladores nos mercados financeiros”.
Porén, a idea que se está a transmitir é que a saída da mesma “está na
reforma laboral e no recorte de salarios”. Por iso, afirmou que “somos
profundamente críticos co que se está a facer e hai que mobilizarse
porque de darse algún tipo de reforma no mercado laboral, tería que ser
para acabar cos altos índices de temporalidade e de precariedade e
nunca para abaratar o despedimento”.
AlternativasFronte a isto, a CIG aposta por unha política de mellora do poder
adquisitivo dos salarios, porque entende que unha das causas
fundamentais da crise económica está en que “nos últimos anos os
salarios perderon peso no PIB e os traballadores e traballadoras moito
poder adquisitivo”. Segundo Seixo, entre mentres, incrementáronse os
beneficios empresariais, que foron destinados, nunha grande parte, a
especular nos mercados financeiros, no canto de destinarse a crear ou
potenciar o tecido produtivo. “A recuperación da actividade económica
vai vir pola vía de recuperar a capacidade adquisitiva dos salarios.
Polo tanto calquera pacto de contención salarial vai en contra de
favorecer a recuperación económica”, explicou.
A CIG tamén aposta por incrementar o gasto público, fronte o recorte
anunciado, para investir en servizos públicos, servizos de asistencia
social, I+D ou apoiar o tecido produtivo; facer unha reforma profunda
da política fiscal, incrementando os impostos ás rendas máis altas,
recuperando o imposto de patrimonio, perseguindo a fraude fiscal e
eliminando os paraísos fiscais. “Así pódese rematar co déficit público
e non cunha política de impostos indirectos ou recortando os impostos
ás grandes fortunas”.
O secretario xeral da CIG tamén manifestou a aposta da central
sindical por unha política de intervención pública nos sectores
estratéxicos, “sectores claves na economía como son o sector
financeiro, o enerxético ou o das telecomunicacións, que son
profundamente especulativos. Porque a única maneira de cortar con esa
especulación e coa xeración permanente de burbullas é a través da
intervención pública”. E coa creación dunha banca pública que canalice
recursos cara o tecido produtivo e cara as familias. “A banca privada o
que está a facer co diñeiro barato que lle están proporcionando os
bancos centrais, é dedicarse a especular nos mercados financeiros pero
non os están canalizando cara o tecido produtivo. O problema da pequena
e mediana empresa non está na reforma do mercado laboral, senón na
falta de liquidez e nas dificultades que ten para acceder ao crédito”
Para a CIG, “estas son as políticas que non se están a seguir por
parte do goberno e polas que temos que manifestarnos na rúa. Mentres
non sexa así cremos que a saída á crise económica non é real e á volta
dun breve período volveremos atoparnos na mesma situación”.
O papel da Xunta de GalizaSuso Seixo, malia recoñecer que hai unha serie de materias clave
como a política fiscal e financeira, nas que a Xunta de Galiza non ten
competencias, si denunciou que o goberno galego non pode adoptar a
actitude de “pasar” intentando que sexa o goberno central quen presente
todas as alternativas. “É tremendamente criticábel o que están a facer
nese sentido e en todo o que ten que ver cos servizos públicos e cos
servizos de asistencia social, fundamentais para a calidade de vida dos
galegos e galegas, pero tamén para a xeración de emprego”.
Mobilizacións
- A Coruña: Ás 20:00 horas da Praza da Palloza
- Compostela: Ás 20:00 horas da Praza Roxa
- Lugo: Ás 20:00 horas da Ronda da Muralla (local CIG)
- Ferrol: Ás 20:00 horas da Avda de Esteiro (local CIG)
- Ourense: Ás 20:00 horas, do Pavillón dos Remedios
- Pontevedra: Ás 20:30 horas da Praza da Ferrería
- Vigo: Saída ás 20:00 h da Vía Norte
Premio do Día da Clase Obreira GalegaO día 9 de marzo celebrarase o acto de entrega do Premio do Día da
Clase Obreira Galega, no marco dun xantar de confraternidade que terá
lugar en Compostela. Desde a CIG concíbese este agasallo como unha
forma de recoñecer o conflito ou o sector que, coa súa mobilización,
teña contribuído a dignificar a loita polos dereitos da clase
traballadora.
Entregaranse ademais uns pergamiños de recoñecemento a sobranceiros/as
militantes sindicais que contribuíron a desenvolver, ampliar e
consolidar o sindicalismo nacionalista.
Cómpre lembrar que o 10 de marzo a CIG conmemora a histórica defensa
da liberdade e dos dereitos laborais dos traballadores e traballadoras
galegos que, no ano 1972, se enfrontaron ao fascismo e, nomeadamente, a
Amador e Daniel, que foron asasinados pola ditadura franquista polo
simple feito de defenderen, xunto cos seus compañeiros, a súa
dignidade, como traballadores e como galegos.
Link: CIGONLIne