O Secretario Comarcal da CIG, Xesús López
Pintos, terá que acudir ao xulgado do Penal o vindeiro xoves 12 de xaneiro como
imputado por uns feitos ocorridos durante un conflito laboral na confraría de
Mugardos no ano 2001. Pintos, que compareceu en rolda de prensa arroupado por
parte da executiva comarcal, negou as acusacións de agresión a dous policías,
explicou uns acontecementos provocados polas propias políticas partidistas dos
responsábeis de Pesca naquel momento e apuntou que este xuízo non é máis que “un
escarmento contra a actividade sindical”.
© 2009- CIG
“Este é un claro exemplo de como se persegue a
actuación sindical”, sinala Pintos, quen se enfronta a unha petición da
Fiscalía de dous anos e medio de prisión por un suposto delicto de atentado á
autoridade e outro de lesións, acontecidos durante unha brutal carga policial
contra un grupo de mariscadoras de Mugardos no ano 2001. Non obstante, o
secretario comarcal da CIG de Ferrol destaca que o que máis lle sorprende é a
acusación do letrado da Xunta que, entre outros delictos, o acusa de
atentado a un axente, provocación, resistencia á autoridade e lesións, polo
que pide en total 5 anos e 3 meses de cárcere.
“O que máis me chama a atención é que por
parte da Xunta se pide unha condena maior que a proposta polo fiscal,
sobre todo se se ten en
conta que a conselleira de Pesca daquela era a responsábel de Agamar,
participou activamente no conflito e coñece perfectamente o que alí
sucedeu”, sinala.
Escarmento á central
Pintos, que nega rotundamente ter agredido a
ningún policía, afirmou que o xuízo é un escarmento contra a central sindical.
“Una vez máis estamos ante un aviso. Todos os días vemos como se producen
accidentes laborais, despedimentos masivos, suspensións de emprego, etc. e
ninguén pide contas; en cambio, aos sindicatos trátasenos de delincuentes,
dándonos avisos de que temos que estar quietiños e calados”.
Hai que destacar tamén que o colectivo de
mariscadoras presentou unha denuncia contra os policías que participaron na
carga e na que resultaron feridas 25 mulleres e o propio López Pintos. Non obstante,
nin o Fiscal nin o xuíz aceptaron a trámite a denuncia.
O conflito laboral na Confraría de Pescadores
de Mugardos foi xerado pola entón patroa maior, Olivia Bonome, que se negaba a
deixar o cargo a pesar de estar en idade de xubilación, e estivo amparado e
auspiciado polo responsábel da Consellaría de Pesca naquel intre, Amancio Landín
(PP), quen foi cesado no seu posto polos feitos acontecidos en setembro de 2001
e pola súa falta de responsabilidade co sector.
Concentración diante dos xulgados
Por mor do xuízo e baixo o
lema “ceiban escravistas, xulgan sindicalistas", a CIG ten convocada unha
concentración diante do Xulgado do Penal número 2 da cidade xoves 12 de
febreiro a partir das 9:45 horas, á que asistirán delegados/as e afiliados/as
da central. De igual xeito, os/as socios/as da Confraría de Pescadores de Mugardos
anunciaron o peche do pósito en solidariedade co secretario comarcal de Ferrol.
Un
conflito que propiciou o cesamento do conselleiro de Pesca
Os sucesos agora xulgados arrincan no verán de
2001, cando 90 dos 100 socios e socias da Confraría de Mugardos reclaman á
patroa maior, Oliva Bonome, que xa tiña os 65 anos, celebrar eleccións para
elixir unha nova dirección, proposta á que Bonome se negou a acceder mesmo
ameazando aos voceiros/as dos afectados/as que solicitaban reunirse con ela.
Pintos, que no 2001 era responsábel de acción
sindical, lembra que foi entón cando as/os afectadas/os se dirixiron aos
sindicatos CIG, CCOO e Agamar (da que era secretaria xeral a actual conselleira
de Pesca, Carmen Gallego) na procura de apoio, iniciándose un peche no pósito que
durou tres meses e once días, e toda unha serie de mobilizacións contra a
actitude da patroa maior. O conflito agravouse no mes de setembro, cando Pesca,
a instancias de Bonome e na contra da postura do 90% dos socios/as da
confraría, decidiu abrir os bancos marisqueiros mentres as mariscadoras
permanecían pechadas no pósito.
As mobilizacións trasladáronse entón a pé de
praia, onde as traballadoras apoiadas por López Pintos, tentaban convencer ás 10 mariscadoras partidarias da
patroa de que cesasen a súa actividade. O 18 de setembro, esta ducia de
traballadoras acudiu a mariscar escoltada por 20 policías autonómicos. Logo
dunha disputa verbal, uns axentes agrediron a dúas mulleres, acción que deu
comezo a unha batalla campal na que resultaron feridas de distinta
consideración 25 mariscadores e o propio López Pintos, quen foi detido no servizo
de urxencias e trasladado á comisaría dende o hospital.
O secretario comarcal da CIG Ferrol pasou
aquela noite nas dependencias policiais, saíndo libre sen cargos ao día
seguinte. Os problemas comezaron logo da denuncia dun dos policías, quen
asegurou que fora agredido cunha pedra por López Pintos e recibira, supostamente, varias
patadas estando no chan, polo que tivo que permanecer de baixa 16 días.
O secretario comarcal negou estas acusacións e
asegurou que nos atopamos ante un novo caso de persecución sindical. Pintos
quixo lembrar tamén que “foi necesario ese conflito para mellorar a xestión da
Confraría”, que até entón tiña estado organizada como un feudo particular da
patroa maior co respaldo das políticas partidistas levadas a cabo polo
conselleiro de Pesca daquel entón. “Dous días despois do cese de Landín
solucionáronse os problemas na Confraría”, apuntou.
Link: CIGOnLine