|
Menú | |
Online | |
Actualmente hay 38 invitados, 0 miembro(s) conectado(s).
Eres un usuario anónimo. Puedes registrarte aquí | |
Información | |
| |
| Até sempre |
Hoxe, 24 de xullo de 2010 e véspera do Día Nacional, Vieiros pecha logo
de 15 anos de ilusión e esforzo por manter o medio que sempre soñaramos.
Nacemos cando a rede galega estaba aínda en cueiros e ningún medio do
país estaba na web. Tivemos a mesma forma de entender Galiza que aquela
revista homónima do exilio liderada por Luís Soto: un país moderno e
aberto ao mundo, sen complexos e con todo o futuro por diante.
Vieiros
foi desde o comezo unha iniciativa aberta e independente, que pretendeu
abeirar a toda a comunidade de galegos alí onde estiveren, na crenza de
que Galiza non é só un territorio, senón tamén un espazo de
comunicación. E nese espazo, Vieiros converteuse no cerne de múltiples
proxectos, tanto propios como alleos. Do seu impulso xurdiu o primeiro
especial electoral on-line (Eleccións Galegas de 1997), a primeira
ciber-charla cun persoeiro (Isaac Díaz Pardo), o primeiro vocabulario
sexual realizado coa colaboración dos lectores, a primeira experiencia
de creación literaria en rede (Por conto alleo, de Camilo Franco), ou a
creación de ‘A Polo Ghit’, o primeiro concurso da canción galega do
verán.
Como punto de referencia dos internautas galegos no
mundo, Vieiros chegou a ter até máis de trinta
correspondentes-colaboradores en diferentes lugares do mundo: desde
Gotemburgo a Nova York pasando por Bos Aires e O Bierzo . Asemade,
deulle abeiro a colectivos e outras publicacións, como o IGADI, Tempos
Novos, Canal Ciencia, Federación Ecoloxista Galega ou Irimia.
Mais
foi o labor informativo diario o que consolidou Vieiros como medio de
referencia da Internet galega, sobre todo a partir do Prestige, cando
-cun esforzo informativo sen precedentes- acompañamos a resposta social
diante da catástrofe mentres a meirande parte dos medios maioritarios
miraban cara a outro lado.
Sen embargo, e a pesar dos seus máis
de 20.000 lectores diarios, Vieiros nunca foi un medio rendible e
necesitaba absorber parte dos recursos necesarios para sobrevivir dunha
empresa do mesmo accionariado.
En xuño de 2009, nunha situación
de aparente bonanza económica no seo das dúas empresas, unha auditoría
externa desvelou irregularidades económicas e administrativas de extrema
gravidade, cuxa responsabilidade foi asumida por escrito polo daquela
xerente e apoderado das empresas, Óscar Martínez, quen terá que
responder diante da xustiza.
Este proceso levou ao peche da outra
empresa e de forma inmediata deseñouse xunto cos traballadores un plan
de viabilidade para salvar Vieiros, cousa que non foi posible dada a
gravidade da situación, á que houbo que sumarlle o duro golpe da crise
económica.
Foi pois un ano moi difícil no que empresa e
traballadores intentamos de todos os xeitos manter acesa a estrela de
Vieiros, pero chegou a hora de renderse.
Neste momento, só resta
darlles as grazas a todos os lectores, aos que creron neste proxecto,
colaboraron nel e puxeron o seu grao de area para que outro xornalismo
galego fose posible. E moi especialmente aos traballadores e aos
opinadores, pola súa entrega e compromiso inesgotable.
Foi un pracer. Até sempre.
Lois Rodríguez, editor de Vieiros
|
|
|
|
| |
Enlaces Relacionados | |
Votos del Artículo | |
Puntuación Promedio: 0 votos: 0
| |
Opciones | |
|
Tópicos Asociados
|
|
"Até sempre" | Entrar/Crear Cuenta | 0 Comentarios |
| Los comentarios son propiedad de quien los envió. No somos responsables por su contenido. |
|
|
No se permiten comentarios Anónimos, Regístrate por favor |
|
|
|