- FESTA + GASTO SOCIAL

Bienvenidos a Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA!

     Menú
· Home
· Archivo de Noticias
· Buscar
· Contáctese
· Encuesta
· Enlaces
· Enviar Noticia
· Estadísticas
· Temas

     Online
Actualmente hay 63 invitados, 0 miembro(s) conectado(s).

Eres un usuario anónimo. Puedes registrarte aquí

     Información


Concello de Cedeira

PHP-Nuke Espanol

Hosting Nuke

 Políticos 2.0 ou como pescar votos con rede

PHP-NukeOs deputados galegos con forte presenza nas redes sociais como Facebook ou Twitter aínda se contan hoxe cos dedos da man. Para os expertos o segredo para triunfar en internet é traballar sen 'negros' e transmitir sinceridade.


© Alcaldía de Cedeira
Blog do Alcalde: preme aquí


É 23 de marzo, 12: 47 da mañá. O deputado José Manuel Lage Tuñas informa polo Facebook aos seus máis de 2.700 amigos como vai o pleno do Parlamento de Galicia. É unha xornada importante porque se debate a reforma da Lei do Solo. “Estamos en pleno debate. Todo indica que os socialistas nos imos abster, tendo en conta que o PP non quere modificar a súa postura e non quere defender a protección dos espazos naturais”, escribe Lage dende o ordenador do seu escano na Cámara galega. Do Pazo do Hórreo a mensaxe dá un chimpo ao ciberespazo. Pasan 60 segundos e o enunciado de Lage xa ten un comentario: “Non entendo o de abstención... Dis que todo indica. Que é o que pasa? Aínda non tendes unha postura firme neste tema?”. E é que cando un político se arrisca a emprender o seu camiño en internet, cando se expón a unha rede social onde as mensaxes teñen resposta, queda á mercé das críticas e tamén das recomendacións. Na era da política 2.0 –termo acuñado para diversas aplicacións web baseadas na interacción– que inaugurou o presidente dos Estados Unidos, Barack Obama, durante a súa campaña presidencial, non todos os políticos galegos están dispostos a somerxerse no mundo dixital. Aínda son poucos os deputados que destacan pola súa presenza no espectro das novas tecnoloxías. “Ao principio só eramos uns cantos os deputados que faciamos un uso habitual de internet e das tics. Dicíannos medio de broma que eramos uns modernillos, uns frikis, pero agora que xa pasaron anos todo o mundo acabou ou acabará por caer”, di Lage Tuñas, un deputado “experto”, segundo os seus propios compañeiros, na aplicación da política á rede. Con 33 anos, hai cinco que Lage comezou o seu periplo en internet. “Foi a finais de 2005 cando comecei a gañar presenza neste mundo. Non foi algo que me dixesen dende o partido, foi algo que me apetecía facer. Na rede podes ter acceso e comunicarte cun segmento de xente dunha determinada franxa de idade e sobre todo, podes gañar moita proximidade cos cidadáns”, asegura. “Ao final, cando se fala de políticos 2.0 o único que se está a falar é de políticos que teñen unha comunicación cunha dirección funcional. Eu expreso algo co que podo chegar moi rapidamente a todo o mundo pero tamén estou aberto a que me fagan recomendacións, suxestións ou críticas. Todo isto fágoo a través da miña web jmlage.et e ademais por medio das redes sociais de Facebook, Twitter e Tuenti”, conta o socialista, quen agora está á espera de abrir un canal na páxina de vídeos de Youtube onde poder descargar, entre outras cousas, as súas intervencións ou roldas de prensa. “Home, non é que queira facer unha Lage TV nin nada polo estilo, é que creo que é algo necesario neste tempo, un recurso máis”, argumenta. Pero, ademais de servir para chegar a un maior número de potenciais votantes, o político en cuestión gaña algo metendo unha parte da súa vida na rede? “Home, claro que si. Eu veño de denunciar no Parlamento as filtracións que se están a suceder dentro dos procesos selectivos á Xunta. Grazas ás redes sociais, cada día recibo tres ou catro correos de xente que me di o que lle pasou ou tamén doutras persoas que entraron polos pelos e non queren que pidamos que se repitan as oposicións porque poderían quedar fóra. Gañamos moita información”, di. Iso si, unha das premisas fundamentais para un político na rede é estar na boca de todos, mais ser discreto. “Agora mesmo xa estamos nun camiño sen retorno. Non se pode facer nada contra as novas tecnoloxías, xa están aí, pero hai que intentar ser discreto. Tes un plus adicional de visibilidade polo que tamén tes que coidarte moito en como te manifestas”, reflexiona Lage, quen ten claro que “a política é das persoas, hai que tocalas e hai que falarlles cara a cara, pero tamén hai outras opcións ás que hai que irse abrindo”. Lage ten o orgullo de ser, supostamente, o primeiro político galego que tivo un blog. “Así o poñía hai tempo na wikipedia ou nunha páxina destas en internet, e iso picáballe moito –en broma, claro– a un deputado do PP”, chancea o socialista. O parlamentario en cuestión non é outro que José Manuel Baltar Blanco, o vicepresidente da Mesa do Parlamento e o fillo do histórico barón ourensán, José Luis Baltar. É complicado imaxinar o presidente da Deputación de Ourense navegando pola rede, sobre todo se un ten en conta que no seu despacho non hai un ordenador por ningures. Baltar pai é, non obstante, un dos máximos referentes da política a pé de rúa. Contan que todos os días encarga que lle pasen o listado de pasamentos na provincia, por se ten que darlle o pésame a algún veciño. O seu fillo José Manuel acaba de converterse en presidente do PPdeG en Ourense. Na campaña asegurou que é un político cercano, como o seu pai, pero con outro as na manga.   OUTRA MANEIRA DE SER CERCANO Baltar Blanco foi tamén un dos primeiros deputados que se fixo un oco nas redes sociais. “No 2005 decidín poñer en marcha a miña propia páxina web, manuelbaltar.com. Son eu o que dende entón a xestiono, non teño ningún negro por detrás. Nestes anos, a páxina a*****ulou máis de 500.000 visitas e ademais recibo unha medida de 40 ou 50 correos diarios de xente que ten algo que contarme”, di José Manuel Baltar, quen asegura que todos os días e de forma impenitente contesta eses 40 ou 50 correos. “Cando montei a páxina foi por vocación política pero tamén por decisión persoal. Estar na rede leva tempo. Cada día ocúpame máis dunha hora que saco dos momentos que teño libres pola mañá ou no coche se non conduzo. Tamén actualizo os contidos dende o móbil”, explica. Como no caso do socialista Lage, Baltar ten, ademais da súa páxina, un perfil en Facebook, outro en Twitter e un máis en Tuenti, e sobe fotos de forma habitual ao seu Flickr. “A verdade é que xa non podo ter máis amigos. No Facebook xa pasei a barreira dos 5.000 e agora creo que teño que pagar para poder ter máis”, di para logo anunciar que este novo PP de Ourense tamén estará imbuído polas novas tecnoloxías. “Estamos a preparar a páxina ppou.es, queremos que sexa un referente”, explica Baltar, sempre disposto a sacarlle á rede o máximo partido, e recorda que “hai moitos emigrantes galegos, e internet é un moi bo medio para comunicarse con eles”. E que llo digan ao seu compañeiro e rival Lage Tuñas. Nos seus primeiros meses na rede recibiu o correo dun estadounidense neto de galegos. O cidadán en cuestión tiña o mesmo apelido que o parlamentario polo que a el acudiu na procura das súas raíces. “A verdade é que non era familiar meu pero puiden axudalo a encontrar os seus parentes. Ao estar o meu nome na rede o home pensaría que, ao mellor, podía ser familiar dese Lage que tanto falaba”, conta cun sorriso.   BALTAR E TED KENNEDY Segundo os publicistas especializados en orquestrar campañas electorais algo moi importante para os electores potenciais e internautas é a veracidade do político en cuestión, que non haxa negros que traballen por eles nas redes sociais. “Iso é algo fundamental. Eu non creo que ter un Facebook ou un blog, coma moitos, e que mo fagan por detrás. Para estar así é mellor non estar, pero lamentablemente moitas veces a xente monta unha páxina, por exemplo, en período electoral e logo a abandona”, di Baltar, quen ten sempre presente o camiño marcado polos políticos norteamericanos. “Eles están moito máis concienciados ca nós co temas das redes sociais. Polo Facebook fíxenme amigo do agora finado político demócrata Ted Kennedy. Eu enviáballe mensaxes e el contestábame, pero eu pensaba que seguramente se trataba dunha secretaria ou algo así. Un día pedinlle como proba que me enviase unha foto firmada e enviouma. Como te imaxinas que un senador demócrata ten tempo para contestarlle os correos a un concelleiro de Esgos?”, conta cun aquel de orgullo. Dende a oficina de prensa do PPdeG aseguran que non hai negros encargados de actualizar os contidos dos seus dirixentes. “Para nada. Feijóo ten un Facebook e tamén Alfonso Rueda e son eles sós os que se encargan de actualizalo. Na Mesa do Parlamento todos os nosos deputados teñen Facebook e tamén case todos os conselleiros: Beatriz Mato, Roberto Varela, Jesús Vázquez, Javier Guerra...”, conta Luis De la Matta. “Na rede o que se busca é o contacto coas persoas máis que a imaxe de marca. Tamén hai quen tira moito polo blog, como é o caso de Telmo Martín ou de Xosé Manuel Barreiro, que son moi activos”, comenta. O BNG non podía ser menos. Tamén hai deputados que viaxan polo ciberespazo. Un exemplo claro é o de Ana Pontón, quen conta con amigos e seguidores a esgalla dentro das redes sociais. “Comecei co Facebook e co Twitter no medio da campaña electoral do pasado ano porque me parecía que era algo que, lonxe do que pensen os demais, me ía facilitar moito o contacto directo coa xente”, conta Pontón. Logo de abrir esa xanela na rede, a nacionalista comezou a ter unha morea de correos de xente que lle explicaba as súas inquedanzas ou lle manifestaba algunha denuncia. “Téñenme chegado dende informacións sobre problemas de ERE en pequenas empresas até en grandes industrias”, explica a deputada, quen recorda especialmente o día en que lle pasaron o vídeo do conselleiro de Cultura, Roberto Varela, chamándolle “Desván de los Monjes” á localidade de Sobrado dos Monxes nun acto en Madrid. “Enviáronmo unha noite antes de que comezase a circular de forma masiva pola rede”, asegura. Pontón opina que todas as formacións políticas teñen que facer un sobreesforzo para poñerse ao día coas novas tecnoloxías. “O Bloque xa o fixo. Temos un canal propio de Youtube que é dos máis visitados de Galiza e que nos axuda a desenvolver o traballo político”, explica, á vez que recorda que na comunidade existe unha gran base de afiliados ao BNG ou de persoas cercanas ao nacionalismo que teñen blogs ou páxinas con forte contido político. “Internet é un medio moi útil para que a xente que ten inquedanzas as poida canalizar”. O certo é que a rede iguala a uns e a outros. Igual que un grupo de música minoritaria pode triunfar na web tamén o pode facer un partido minoritario. Sábeo Carlos Vázquez Padín, o secretario xeral de Converxencia XXI, unha formación que nada no espectro do nacionalismo de centro e que aspira a presentarse ás próximas municipais. Converxencia naceu como partido case case ao abeiro da rede. “Dende o principio apostamos polas redes sociais porque non hai ferramenta máis democratizadora. Todos somos iguais na rede. Nós fixemos unha aposta moi extensiva en todas as redes sociais que nos valeu de moito porque aínda non pasou un ano dende a nosa formación e somos o segundo partido galego con presenza na rede logo do PSdeG”, advirte Padín. Non hai segredos, Converxencia XXI ten presenza nas tres redes sociais do momento ademais da súa propia páxina. De forma oposta ao resto de forzas galegas, semella que deu o salto da pantalla dun ordenador á realidade. “Hai tempo que tivemos unha reunión en Vigo. Había unhas catorce ou quince persoas coas que falabamos do proxecto todos os días pero ás que non coñeciamos en persoa”, explica Padín. “Cando eu estaba estudando na escola de negocios de Caixanova había un rapaz co que sempre falaba de política e que concordaba moito coa nosa idea de partido. Cando comezamos a montar isto, eu deseguido pensei nel, pero non tiña o seu contacto. Foi a partir de Facebook como o atopei e como entrou a formar parte do proxecto”, conta. Aínda que en Converxencia están a medrar paseniño, o tema da presenza na rede xa o levan moi ben controlado. “Ademais de estar como partido en todas as redes sociais temos da orde de catorce ou quince Facebook. Temos representación na rede en todas as grandes cidades agás en Ferrol, e logo tamén en concellos como Tui, Vilagarcía ou Sarria”, asegura o secretario xeral. Con todo, o feito de que estes políticos enchan as páxinas deste suplemento é evidencia de que as forzas galegas non teñen moito andado aínda no tema. Saben os nosos líderes as portas que abre un ordenador, aínda que sexa un ben pequeno que semelle unha sandwicheira? Para María Yáñez, xornalista, guionista e membro da Navalla Suíza, un equipo de traballo multifunción que asesora e desenvolve solucións de comunicación en internet, “os políticos poñen moitas escusas para non empregar a rede”. A Navalla Suíza foi a encargada de desenvolver o portal QuinTV, do ex vicepresidente galego Anxo Quintana, nas pasadas autonómicas. Yáñez opina que “en xeral os partidos argumentan que hai pouca xente aínda que usa internet e as redes sociais en Galicia para non desenvolver os seus traballos. Hai que abrirse aínda que haxa pouca xente e, sobre todo, hai que abrirse porque xa non é tan pouca a xente”. É máis, Yáñez opina que “actualmente en Galicia hai un moi bo nivel de alfabetización en canto aos usos de internet. As institucións non poden ir a rebufo da xente”. Yáñez opina, na mesma liña que apuntan os deputados Pontón, Lage e Baltar, que para entrar na rede, ao contrario do que un pense, no se pode ser un holograma. “A sinceridade é fundamental na rede. Internet é cada vez máis persoal e os que acaban por triunfar son aqueles que contan a verdade, que máis reais parecen. Un exemplo moi bo está no blog de Patxi López, estaba feito dun modo e contaba unhas cousas coas que parecía imposible que non fose el o que redactaba os contidos. Un día escribiu que estaba nun concerto de Los Punsetes en Bilbao e imaxinalo cos escoltas no medio do barullo foi unha imaxe que lle veu moi ben”, comenta a xornalista.   UNHA CANCIÓN PARA PATXI LÓPEZ Moi probablemente, o socialista Patxi López non chegou a liderar o Goberno vasco polos seus amigos en Twitter, pero si que chamaron moito a atención os seus gustos musicais, que ía relatando día a día a través de internet. Na metade da campaña autonómica e despois de confesarse na súa bitácora un fiel seguidor da música indie, López colgou un sinxelo enunciado no seu Twitter: “Buscando canción para mañá”. Milleiros de respostas en forma de melodías musicais ateigaron a páxina. Quizais Patxi López sexa un dirixente 2.0 ou quizais, como afirman numerosos politólogos, como o catedrático de xornalismo José Luis Dader, o único que está a facer é uso da “sentimentalización da política”. Dende logo, hai políticos máis cercanos que outros e iso é algo que se nota, aínda a través da pantalla do ordenador. Dende A Navalla Suíza trataron en todo momento, cando realizaron os contidos do portal QuinTV, de transmitir a imaxe de cercanía do nacionalista. “Dende logo é moi difícil amoldarse á axenda dos políticos. En campaña cando están facendo centos de quilómetros e están esperando para entrar a un acto é complicado dicirlles que senten para facer un videoblog”, narra Yáñez. “Con todo, hai políticos que están moi abertos a este mundo. Quintana por exemplo estaba marabillado, quizais porque el mesmo é moi cercano e o videoblog era algo que lle acaía ben”, recorda. O certo é que o mundo das redes sociais saltou á política de forma brutal tras a celebración das eleccións presidenciais de Estados Unidos. Barack Obama, con máis de 3, 2 millóns de seguidores no Twitter, é máis que ningun outro o político 2.0 por excelencia... ou non? “Ben, Obama usou a rede como modelo de organización pero non fixo a súa campaña totalmente a partir de internet. Soubo utilizar moi ben o medio”, analiza Yáñez. “Usou as redes sociais para organizar actos nos que logo falaba coa xente. O mesmo sistema que lle funcionou na campaña foi o que agora o levou á Casa Branca. Por exemplo, o seu predecesor daba o discurso semanal na radio pública, pero el decidiu colgalo no Youtube”, explica. E así, mentres aos políticos galegos lles custa converterse en emigrantes do 2.0., os maiores de Brión acoden a un curso de Facebook. “Nestas clases dise Facebook así como se escribe, nada de feisbuc”, contan dende o concello. Quen dixo que os galegos lle teñen medo á rede?.
Link: XORONLine



 
     Enlaces Relacionados
· Más Acerca de PHP-Nuke
· Noticias de Tono


Noticia más leída sobre PHP-Nuke:
Concello de Cedeira - Municipais Maio 2011


     Votos del Artículo
Puntuación Promedio: 0
votos: 0

Por favor tómate un segundo y vota por este artículo:

Excelente
Muy Bueno
Bueno
Regular
Malo


     Opciones

 Versión Imprimible Versión Imprimible


Tópicos Asociados

PHP-Nuke

"Políticos 2.0 ou como pescar votos con rede" | Entrar/Crear Cuenta | 0 Comentarios
Los comentarios son propiedad de quien los envió. No somos responsables por su contenido.

No se permiten comentarios Anónimos, Regístrate por favor




© 2003-2019 Café Bar A MARINA
Tódolos dereitos reservados



PHP-Nuke Copyright © 2005 por Francisco Burzi. Este es software libre y puedes redistribuirlo bajo licencia GPL. PHP-Nuke no cuenta con absolutamente ninguna garantía
Página Generada en: 0.26 Segundos