|
Menú | |
Online | |
Actualmente hay 43 invitados, 0 miembro(s) conectado(s).
Eres un usuario anónimo. Puedes registrarte aquí | |
Información | |
| |
| OLLAPARO :: Entrevista a M X Rodríguez candidata do BNG |
© 2015 Ollaparo
Como prevé as eleccións?
Para o BNG con moito traballo, no sentido de ser
capaces cos poucos medios cos que contamos de facer que as nosas
propostas cheguen ao maior número de persoas posible. O BNG renunciou a
facer mailing electoral en toda Galiza, un aforro económico ao estado
de medio millón de euros, ademais dun incalculábel aforro ecolóxico,
polo que facemos un chamamento ao resto de forzas políticas a que fagan o
mesmo, campañas modestas no gasto e basadas en escoitar e falar
directa e activamente cos veciños e veciñas. E non só iso…
Cal é o proxecto do que fai bandeira?
A defensa a ultranza do publico e fundamentalmente do social.
A que partida orzamentaria adicará máis cartos?
Os orzamentos municipais teñen que reflectir que a
xestión municipal é pública e transparente para a distribución dos
recursos públicos. Para nós é moi importante que a cidadanía participe
na elaboración deses orzamentos e si insistimos ademais na importancia
do benestar das persoas, a partida orzamentaria que deberá contar con
máis recursos será sin dúbida cos tempos que corren, a adicada ao gasto
social. Portanto é tan importante o que coma o quen e o cómo se
executa unha partida orzamentaria. Malia as dificultades queremos
mobilizar e comunicarnos coa cidadanía para iniciar en Cedeira a
experiencia de orzamentos participativos no contexto da crise actual.
Debe ser através da participación directa da cidadania como se teñen que
elaborar os orzamentos públicos. Dada a situación de emerxencia social
os órganos de seguimento son fundamentais, por exemplo, através dunha
comisión permanente de participación cidadá ou nos procesos
participativos para utilización dos equipamentos, mantemento ou
millora do espazo público ou en urbanismo. A falta de recursos non
pode ser a resposta a todo cando despois se pagan frívolamente
determinadas facturas. A cidadanía está profundamente cansa das excusas
cando a situación nas comarcas de Ferrolterra e Ortegal pasa dos vinte
mil parados e una caída brutal na produción.
Como é o seu equipo?
A candidatura que o BNG presentamos para estas
eleccións municipais, somos un grupo de persoas moi traballadoras e
honestas, preocupadas polo ben común, procedentes de distintos campos
profesionais, e moi afeitas a traballar en equipo. Eu son a candidata
porque así o quixeron os demais pero calquera de nós podería selo e a
identidade da nosa candidatura sería a mesma.
Non é a primeira vez que se presenta. Que mudará das políticas de Luis Rubido?
Aínda que a miña experiencia como concelleira se
limita a estes últimos catro anos na oposición, só con iso teño que
respostar que mudaremos todo. Non compartimos a xestión de goberno do
señor Luis Rubido en absoluto, a improvisación, a desinformación (nin á
oposición nin ao público en xeral) o gasto en obras inexplicables e a
falta de previsión en temas importantes (plan de emerxencia social), o
xeito totalmente arbitrario de repartir subvencións, a inexistente
búsqueda de consenso á hora de gobernar e de buscar o mellor para o noso
pobo, o non ter en conta a ninguén para tomar decisións que nos afectan
a todos…Hai un problema de liderado local que quedou claro na falta dun
programa de emerxencia social, no problema da praia da Madalena, os
vertidos ao rio ou falta de iniciativa na reforma da estrada a Ferrol.
Que vicios cómpre erradicar dos anteriores equipos de goberno?
Neste pobo dende que temos democracia sempre gobernou
o PP, agás dúas lexislaturas, unha coa alcaldía en mans do BNG e outra
en mans do PSOE, e todo o que comentei na pregunta anterior, máis o
enchufismo ou venta de favores, podería ser aplicable a todos os
gobernos populares. Con respecto á alcaldía do BNG, foi a mellor que
tivemos neste pobo e no seu momento marcou a entrada no noso Concello
dun novo xeito de facer política, lembrar como símbolo simplemente que
naquel momento foi cando por primeira vez se abriron as portas do
Concello para todo o mundo (ata daquela nos anteriores gobernos do PP
nadie podía acceder aos andares superiores do Concello, as escaleiras
principais eran só para uso da “xerarquía”, son pequenos detalles pero
de gran trascendencia).
En canto ao goberno do PSOE, no que o BNG participou
con dúas concelleiras, o labor que fixeron dende a concellaría de
Servizos Sociais, Manoli, Cristina e Tono foi impecable e de novo unha
mostra do bo traballo do BNG á fronte de cargos de responsabilidade
municipal.
Na súa presentación na prensa afirmou:”a nosa prioridade son as persoas e o seu benestar integral através duns orzamentos participativos”… a que se refería?
O referente para calquera goberno sempre teñen que
ser as persoas e as súas condicións de vida e aquí poderíamos falar de
moitísimas cousas, dende todos os problemas que poden ter moitas persoas
para facer fronte a pago de recibos que vemos como se incrementan mes a
mes, luz, auga, lixo…os problemas de tantas persoas maiores que viven
soas e que non se valen por si mesmas, as persoas que queren que os seus
fillos poidan estudar e non saben como van a pagalo, as que teñen que
desprazarse a Ferrol para facer unha simple radiografía porque o noso
Centro de Saúde non conta con ese servizo, as que queren poder disfrutar
da nosa praia, as que non atopan traballo…Todo iso entendemos por
priorizar o benestar integral das persoas. E tamén todo iso é o que se
ten que reflectir nuns orzamentos municipais que prioricen as
persoas.Estamos demasiado afeitos ás asimetrías de información entre
gobernantes e gobernados e así non hai maneira de garantir que os
intereses da cidadanía estén presentes cada vez que se celebran
eleccións periódicas. Hai que traballar para que non se desvirtue e
poñer o poder ao servizo do interés xeral
Como potenciará a participación cidadá?
A participación é unha cuestión de xustiza social. A
participación cidadá é un aspecto no que o noso pobo presenta moitas
deficiencias. Non estamos afeitos a que se nos consulte nada, herdanza
tanto da dictadura franquista, como da máis recente, os gobernos
municipais do PP. Primeiro, millorar a comunicación. Incluída a
comunicación co resto de forzas políticas de esquerda ( através dunha
comisión política que pacte un programa municipalista de minimos como
paso cara un novo “espazo político”) para acordar, consensuar e impulsar
proxectos estratéxicos de pobo. Segundo, hai moitos xeitos de potenciar
esa participación, dende unha simple caixa de suxerencias ou empregando
a páxina web do Concello ata a participación do público nas sesións
plenarias, o fomento da actividade asociativa con contacto permanente co
Concello, as asambleas informativas e consultivas e de debate…Son
conscente que somos un pobo pequeno e que a participación crea
reticencias pola burocracia que pode xerar, que é dificil
de materializar, mais ese é o camiño. Tentaremos articular medidas
participativas que lles permita as familias en situación crítica, as
mulleres e outros colectivos especialmente vulnerábeis, como os menores
de 25 anos en situación de desemprego, seren escoitados antes da toma
de decisións políticas nas que se priorizan determinadas partidas en
detrimento de outras.
A nosa proposta de goberno está alicerzada na
participación cidadá porque o BNG como proxecto nacionalista de
esquerdas non o concibe doutro xeito. É o que somos e non saimos do
camiño. As Asembleas Abertas, por exemplo, non son simples reunións
precampaña, pola contra, é darlle nome ao que sempre fixo o BNG. Desde
un orzamento participativo até a celebración de consultas populares e
audiencia públicas para este e outros temas de interese xeral para a
poboación, así como a municipalización de servizos, a defensa inequívoca
dos dereitos sociais e as políticas de igualdade De feito, parte das
solucións ás diversas problemáticas xa as propoñen os propios veciños e
veciñas e os diversos colectivos profesionais e asociativos. Mentras o
goberno de Luis Rubido se desentendía da crise, o BNG foi quen de
escoitar á sociedade e propor medidas de choque contra o desemprego
local e a precariede laboral de moitas familias, as condicións de
traballo dos operarios de CeltaPrix, a erosión da praia da Madalena, a
recuperación do seguro colectivo de accidentes no mar. Mentres
o goberno do PP amortizaba prazas de axuda no fogar, nun intre de
precariación laboral e de alto grao de fraxilidade dunha poboación
envellecida, nós propomos un plano de emerxencia social, investimentos
productivos fronte o gasto non productivo, defensa e plano de usos dos
equipamentos públicos fronte os intentos de privatización e
externalización (centros de maiores, residencias privadas) etc. Sempre
en permanente conexión coa cidadanía e os colectivos afectados.
María Xosé Rodríguez
Teño 47 anos, estou casada, son licenciada con grao
en Xeografía e Historia, especialidade de prehistoria e arqueoloxía pola
Universidade de Santiago, onde tamén cursei o doutorado
especializándome en arqueoloxía romana. A miña tese doutoral en concreto
é sobre monumentos funerarios de época romana no noroeste peninsular.
Fixen varios traballos de investigación arredor desa temática e tiven
unha bolsa no Instituto Alemán de Arqueoloxía. O meu labor profesional
desenvolveuse fundamentalmente no campo da arqueoloxía e nos últimos 15
anos como arqueóloga da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
Os meus primeiros contactos políticos desenvolvéronse
en Ourense nos primeiros anos da miña vida universitaria, anos 80,
formando parte de varias asociacións estudantís de carácter pacifista e
feminista. Neses mesmos anos militei no MCG (movemento comunista de
Galicia) que acabaría integrándose no BNG co nome de Inzar.
Link: OLLAPARO
|
|
|
|
| |
Enlaces Relacionados | |
Votos del Artículo | |
Puntuación Promedio: 5 votos: 1
| |
Opciones | |
|
Tópicos Asociados
|
|
"OLLAPARO :: Entrevista a M X Rodríguez candidata do BNG" | Entrar/Crear Cuenta | 0 Comentarios |
| Los comentarios son propiedad de quien los envió. No somos responsables por su contenido. |
|
|
No se permiten comentarios Anónimos, Regístrate por favor |
|
|
|