| Concello de Cedeira - PLENO |
A tensión acumulada estalou ao final do segundo pleno
extraordinario celebrado onte. No primeiro aprobouse
definitivamente a ordenanza que regula o Imposto de Bens Inmobles (IBI),
coa negativa de PSOE e BNG, tanto pola subida que implica como pola
inutilidade formal, ao abordar este asunto días despois de aprobar o
orzamento.
Pero a rifa chegou na segunda sesión, solicitada polos
socialistas para tratar o traslado dos maiores a un local da praza Roxa e o incremento do IBI.
A oposición e o público, que enchía os bancos,
abandonaron o pleno en solidariedade con Jorge Juan Álvarez Castrillón, o
técnico que asina as alegacións presentadas contra o aumento do IBI,
expulsado polo alcalde en funcións, Alfredo Vilela, despois de que se
dirixise, en voz alta, primeiro ao executivo: «Queremos que baixen os
impostos, é unha cuestión social, non técnica».
E despois ao público,
que lle secundou cun sonoro «si, si, si, si...». Houbo quen apuntou que
«nin con Leopoldo (Rubido) pasaba isto».
«Xa aguantamos bastante», declarou o portavoz do
goberno, Luis Rubido, tras a sesión, en referencia aos comentarios dos asistentes, que evidenciaron o seu malestar polo aumento da
contribución e polo traslado do centro de maiores.
Antes do precipitado
final, o portavoz socialista, José Luis Vergara, que aludiu ás 770
firmas solicitadas en contra, recriminou ao PP «que non tivo reparo en
subir o valor catastral de todas ás propiedades de Cedeira de maneira
esaxerada». «Van recoller 150.000 euros máis de IBI (en 2014, fronte a
2013) para levar os seus petos cheos para a súa casa», criticou, polo
aumento, en 2014, de 18.000 euros en gastos dos órganos de goberno, que
Rubido insistiu en desmentir.
A portavoz nacionalista, María José Rodríguez,
tachou de «barbaridade» a subida do tipo impositivo ao 0,55, en chan
rural (desde o 0,30) e urbano (desde o 0,46), o que se suma «á suba de
todas ás taxas e impostos neste mandato, sen que implique apoio ás
familias necesitadas nin ao emprego». Vilela apelou á bonificación do 35
% no IBI rural e Rubido esgrimiu un informe comparativo cos concellos
da zona, que sitúa a Cedeira entre os que aplican un tipo «menos
gravoso». Neste documento, que leu o concelleiro Juan Carlos Romero ,
chégase a cualificar algún aspecto das alegacións como «acto de
demagoxia pura e dura».
Link: VONLine
|
|
|
|
| |
Enlaces Relacionados | |
Votos del Artículo | |
Puntuación Promedio: 0 votos: 0
| |
Opciones | |
|