NOVO Centro de Saúde Sí !!!!

Bienvenidos a Portal de Noticias Cedeira OnLine Café Bar A MARINA!

     Menú
· Home
· Archivo de Noticias
· Buscar
· Contáctese
· Encuesta
· Enlaces
· Enviar Noticia
· Estadísticas
· Temas

     Online
Actualmente hay 67 invitados, 0 miembro(s) conectado(s).

Eres un usuario anónimo. Puedes registrarte aquí

     Información


Concello de Cedeira

PHP-Nuke Espanol

Hosting Nuke

 Convocatoria e bases de dúas prazas de Policía Local incluí

PHP-NukeANUNCIO

Por acordo da Xunta de Goberno Local de 14 de outubro de 2010 aprobaronse a convocatoria e bases para a provisión en propiedade de dúas prazas de polícia local correspondentes á OEP 2010.

BASES DA CONVOCATORIA ESPECÍFICA PARA A PROVISIÓN EN PROPIEDADE DE DUAS PRAZAS DE POLICÍA LOCAL OEP 2010


Primeira.- Número, denominación e características.

Duas prazas de policía, encadradas na escala de Administración Especial, subescala de servicios especiais, clasificadas no grupo “C1”, incluídas no Oferta de Emprego Público 2010 1ª Fase aprobada pola Xunta de Goberno Local de 14 de setembro de 2010, e anunciada no BOP de 23 de setembro de 2010 e no DOG de 6 de outubro de 2010.

Segunda.- Sistema de provisión.

Unha praza de novo ingreso, por oposición libre e unha praza de mobilidade, por concurso, segundo o baremo de méritos que figura como Anexo III destas bases. En relación coas prazas de mobilidade, no caso de terse consolidado outro nivel de complemento de destino, deberá acreditarse o mesmo. As prazas non cubertas por mobilidade agregaranse, na mesma convocatoria, ás de novo ingreso.

Terceira.- Requisitos dos/das aspirantes:

3.1.- Novo ingreso: Os/as aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española ou ser nacional doutros Estados conforme ós artigos 56 e 57 do Estatuto Básico do Empregado Público.

b) Superar os 18 anos de idade e non ter cumplidos os 36.

c) Ter unha estatura mínima de 1,65 metros os aspirantes varóns e de 1,60 as aspirantes mulleres. Este requisito comprobarase inmediatamente antes do comezo do primeiro exercicio do proceso selectivo, quedando excluído do proceso quen non teña a altura mínima esixida nestas bases.

d) Estar en posesión dos permisos de conducir das clases A, B e BTP na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes comprometéndose, mediante declaración, a mantelos vixentes mentres permanezan en situación de servicio activo no Corpo da Policía Local.

e) Estar en posesión do titulo de bacharelato, formación profesional de segundo grao ou equivalentes que indique a Consellería de Educación, ou en condicións de obtelo na data en que remate o prazo de presentación de instancias.

f) Non ter sido condenado por delito doloso, nin estar inhabilitado/a para o exercicio da función pública, nin separado/a do servizo nas Administracións Públicas por expediente disciplinario ou resolución xudicial firme.

g) Acredita-la aptitude física mediante a presentación dun certificado médico, no que se faga constar que o aspirante reúne as condicións físicas e sanitarias necesarias para a realización das probas físicas que figuran nestas bases, e de que non estar incurso en posibles causas de incapacidade recollidas no anexo de exclusións médicas destas bases, sen prexuízo de comprobacións posteriores do que reflicta o certificado médico.

O certificado axustarase ao seguinte modelo: “Don/Dona.......... reúne as condicións físicas e sanitarias necesarias e suficientes para a realización das probas de aptitude física esixidas na base sexta da Convocatoria.../... para a provisión en propiedade de _________prazas de Polícía da Policía Local do Concello de________”.

h) Compromiso de portar armas propias da actividade que se vai desempeñar, e si fora o caso, de chegar a utilizalas, o que se prestará mediante declaración xurada e por escrito.

i) Xustificante de ingreso da taxa pola participación en probas selectivas publicada no BOP de 31 de decembro de 2009.

3.2.- Mobilidade: Os/as aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser funcionario de calquera corpo da Policía Local da comunidade autónoma de Galicia, coa categoría de policía, e ter unha antigüidade mínima nela de 5 anos.

b) Faltarlle 12 anos como mínimo para o paso previsto á situación de segunda actividade.

c) Xustificante de ingreso da taxa pola participación en en probas selectivas publicada no BOP de 31 de decembro de 2009.

Tódolos requisitos enumerados anteriormente (tanto coma para novo ingreso coma para mobilidade) deberán posuírse na data en que remate o prazo de presentación de instancias da convocatoria para a cobertura destas prazas.

Cuarta.- Dereitos de exame:

As persoas aspirantes deberán ingresar a cantidade que estableza para cada grupo de titulación a Ordenanza fiscal núm. 2.6, reguladora da taxa pola participación en probas selectivas publicada no BOP de 31 de decembro de 2009.

Turno Libre:

Probas de acceso o Grupo C1 e C2 ou categorías de persoal laboral asimilables. 15,00 €.

Mobilidade:

No caso de procesos de promoción interna ou convocatorias exclusivamente para bolsas de traballo, devengarase como cota tributaria o 50 por 100 das tarefas sinaladas no apartado 1. 7,5 €.

A Taxa exigiráse en réxime de autoliquidación. A estos efectos, as instancias solicitando a participación en probas selectivas de personal deberán vir acompañadas do xustificante de ingreso nas entidades colaboradoras correspondentes do importe de la taxa correspondiente.

O importe da presente Taxa no poderá ser devolto máis que no caso de no seren admitido ás probas selectivas pola falta dalgún dos requisitos exigidos para tomar parte nas mesmas.

Estarán exentas do pago da tasa as persoas con discapacidade igual ou superior ó 33 por 100.

Quinta.- Presentación de instancias:

O prazo de presentación de instancias será de VINTE DÍAS NATURAIS contados dende o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no BOE. Si a publicación do anuncio da convocatoria no DOG fora posterior, contarase desde esta última data.

As bases íntegras publicaranse no Boletín Oficial da Provincia de A Coruña, así como un anuncio das mesmas no Diario Oficial de Galicia e no BOE, no que aparecerá en todo caso o Concello convocante, o número de prazas que se convoca, a escala e categoría á que pertencen, o sistema de acceso e unha reseña dos boletíns oficiais nos que figuren as bases correspondentes.

Comunicarase á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza o envío das convocatorias para a súa publicación.

Todos os anuncios publicaranse de xeito urxente.

Coa solicitude deberán achegar:

1.- Novo ingreso:

a) Fotocopia compulsada do DNI.

b) Fotocopia compulsada do título esixido na convocatoria.

c) Xustificante do ingreso dos dereitos de exame.

d) Fotocopia compulsada dos permisos de conducir das clases A, B e BTP, así como da declaración mediante a cal se comprometen a manter vixentes os citados permisos e autorización mentres permanezan en situación de servicio activo no Corpo da Policía Local.

e) Certificado médico ó que se refire o punto 3.1 parágrafo g) das presentes. E que se debe axustar ao seguinte modelo: “Don/Dona……………………..reúne as condicións físicas e sanitarias necesarias e suficientes para a realización das probas de aptitude física esixidas na base sexta da Convocatoria……../…….. para a provisión en propiedade de_____________ prazas de Garda da Policía Local do Concello de______________”

f) Declaración xurada do compromiso de portar armas e, de ser o caso, de chegar a utilizalas.

g) Certificado de antecedentes penais.

h) Declaración xurada de non ter sido separado mediante expediente disciplinario de calquera Administración Pública

2.- Mobilidade:

a) Fotocopia compulsada do DNI.

b) Xustificante do ingreso dos dereitos de exame.

c) Certificación emitida polo concello de orixe que acredite os requisitos do apartado 3.2. da base terceira.

d) Acreditación dos méritos alegados mediante a presentación de focotocopia compulsada dos certificados dos mesmos.

Sexta. Admisión de Aspirantes

Expirado o prazo de presentación de instancias, a Alcaldía ditará resolución no prazo dun mes, declarando aprobada a lista provisional de admitidos/as e excluídos/as, coas causas que motivaron a exclusión. En dita resolución, que se publicará no Boletín Oficial da Provincia de A Coruña, de xeito urxente, e no taboleiro de edictos do Concello, sinalarase un prazo de dez días hábiles para que os excluídos/as poidan corrixir erros e presentar nova documentación. En caso de non haber excluídos esta será a lista definitiva.

Sétima.- Composición do Tribunal.-

O número dos membros dos Tribunais será de cinco titulares e cinco suplentes; así mesmo, todos os vogais deberán de posuír un nivel de titulación igual ou superior ao esixido para o acceso á categoría de que se trate.

Segundo o artigo 36 da lei 7/2004 galega para a igualdade entre homes e mulleres a composición do tribunal será paritaria. Posto que en este caso o número de membros é impar, con diferenza dun entre ambos sexos.

O Tribunal estará composto por:

Presidente (titular e suplente): Funcionario de carreira do Corpo da Policia Local de un Concello de Galicia con máis de cinco anos de experiencia profesional.

Vogais (en número de tres titulares e suplentes), que deberán ser técnicos ou especialistas na materia, designados polo alcalde a proposta do Inspector-Xefe da Policía Local. Deberán contar con máis de cinco anos de experiencia profesional.

Secretario (titular e suplente): Funcionario de carreira de calquera administración pública.

No momento do nombramento do persoal do tribunal, farase constar o nomeamento dun psicólogo e un médico titular, así como os seus suplentes.

En todo caso a constitución do tribunal cualificador deberá respectar o establecido no artigo 60 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público. (1. Os órganos de selección serán colexiados e a súa composición deberá axustarse aos principios de imparcialidade e profesionalidade dos seus membros. Tenderase, así mesmo, á paridade entre muller e home. 2. O persoal de elección ou de designación política, os funcionarios interinos e o persoal eventual non poderán formar parte dos órganos de selección. 3. A pertenza aos órganos de selección será sempre a título individual; non se poderá ostentar esta en representación ou por conta de ninguén.)

Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándoo ao órgano convocante, cando concorran neles circunstancias das previstas no art. 28 da LRXAP e PAC ou se realizaron tarefas de preparación ás probas selectivas non cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

Asemade, os/as aspirantes poderán recusar aos membros do tribunal cando concorran as devanditas circunstancias.

O tribunal resolverá todas as dúbidas que puideran xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deba facer non casos non previstos.

O tribunal poderá dispoñer a incorporación a súas sesións de persoas con labores de asesoramento para as probas que estimen pertinentes, limitándose estes/as a prestar a súa colaboración nas súas especialidade técnicas.

Os/as vocais deberán posuír titulación ou especialización igual ou superior á esixida para o acceso á praza convocada (R.D. 896/91 de 7 de xuño, art. 4 e).

Octava.- Contido do proceso selectivo, forma de desenvolvemento e sistema de cualificación

8.1.- Novo ingreso.-

O procedemento de selección constará de cinco exercicios, segundo o disposto no Anexo I da “Orde do 28 de xaneiro de 2009 pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, promoción interna e mobilidade nos corpos de policías locais” dictada pola Consellería de Presidencia, Administración Pública e Xustiza, obrigatorios e eliminatorios cada un deles, de xeito que non poderán pasar ó seguinte os/as aspirantes que non tivesen alcanzado a cualificación mínima establecida para cada un deles.

Con carácter previo ó inicio do primeiro exercicio, levarase a cabo a práctica do control de estatura e serán eliminados aqueles/as aspirantes que non acaden a estatura mínima prevista nas presentes bases.

Primeiro exercicio.- Comprobación da estatura e probas de aptitudes físicas:

Consistirá en realizar tódalas probas físicas que se indican no Anexo I. A non superación de calquera das probas na forma indicada dará lugar á eliminación do/a candidato/a. A cualificación será de apto/a o non apto/a.

Segundo exercicio.- Proba de avaliación de coñecementos técnicos:

A proba de avaliación dos coñecementos dos/das aspirantes deberá amosar a súa preparación intelectual e o dominio dos contidos do temario que se inclúe no Anexo II destas bases.

Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de 100 preguntas tipo test, con 4 alternativas de resposta cada unha, que serán propostas polo tribunal. Os/as aspirantes disporán dun tempo máximo de dúas horas para a súa realización.

A proba cualificarase polo tribunal de cero a dez puntos, sendo preciso acadar cinco puntos como mínimo. A cualificación farase atendendo a seguinte fórmula:

N = (A- F/3)/10

Sendo N=Nota final da proba; A= Preguntas acertadas; F= Preguntas falladas ou non respostadas.

Terceiro exercicio.- Proba psicotécnica:

Estas probas están dirixidas a determinar as actitudes e aptitudes persoais dos/as aspirantes e a súa adecuación ás funcións policiais que deberán desempeñar, comprobando que presentan un perfil psicolóxico axeitado. Terán que efectuarse e valorarse por persoal especialista. A cualificación global será de apto/non apto.

A.3.1. Proba de intelixencia.

Realizarase unha valoración do nivel intelectual e doutras aptitudes específicas, explorando todos ou varios dos aspectos seguintes: intelixencia xeral, comprensión e fluidez verbal, comprensión de ordes, razoamento cognitivo, atención discriminativa e resistencia á fatiga intelectual.

A.3.2. Probas de personalidade.

As probas de personalidade orientaranse a avaliar os trazos da personalidade máis significativos e relevantes para o desempeño da función policial, así como o grao de adaptación persoal e social dos aspirantes. Así mesmo, deberá descartarse a existencia de síntomas ou trastornos psicopatolóxicos e/ou da personalidade.

Exploraranse os aspectos que a continuación se relacionan: estabilidade emocional, autoconfianza, capacidade empática e interese polos demais, habilidades interpersoais, control axeitado da impulsividade, axuste persoal e social, capacidade de adaptación a normas, capacidade de afrontamento do estrés e motivación polo traballo policial.

Os resultados obtidos nas probas deberán ser obxecto de contraste mediante a realización dunha proba individual, que consistirá na contestación a un cuestionario, formulado verbalmente, coa finalidade de valorar tamén o estado psicolóxico actual dos candidatos. Deste modo, á parte das características de personalidade sinaladas anteriormente, exploraranse, ademais, os seguintes aspectos: existencia de niveis disfuncionais de estrés ou de trastornos do estado de ánimo; problemas de saúde; consumo excesivo ou de risco de alcohol ou outros tóxicos e grao de medicación; expectativas respecto da función policial.

Cuarto exercicio .-Recoñecemento médico.

O recoñecemento médico será efectuado por facultativos especialistas e o seu fin é garantir que os/as aspirantes estean en condicións idóneas para o exercicio das funcións policiais propias do posto de traballo. Cualificarase como apto/non apto.

Para os efectos da exclusión do/a aspirante, terase en conta o seguinte:

1. Obesidade - Delgadeza.

Obesidade ou delgadeza manifestas que dificulten ou incapaciten para o exercicio das funcións propias do cargo.

Indice de Masa Corporal (IMC) non inferior a 18,5 nin superior a 29,9. Considerando o IMC como a relación resultante de dividir o peso da persoa expresado en quilos polo cadrado da estatura expresado en metros.

2. Calquera enfermidade, padecemento ou alteración de carácter físico, psíquico ou sensorial, que, a xuízo dos facultativos médicos, impida, limite ou dificulte o exercicio das funcións policiais.

Para os diagnósticos establecidos neste anexo teranse en conta os criterios das sociedades médicas das especialidades correspondentes.

As exclusións garantiranse coas probas complementarias necesarias para o diagnóstico.

Quinto exercicio. Proba de galego:

A proba de coñecemento da lengua galega estará dirixida á comprobación, por parte do tribunal, de que os aspirantes comprenden, falan e escriben correctamente o galego. Para estes efectos deberán realizar con carácter obrigatorio e eliminatorio a seguinte proba que constará de dúas partes: na primeira os/as aspirantes deberán redactar en galego durante un tempo máximo de 30 minutos un documento propio das funcións da praza que se convoca; valoraranse os aspectos lingüísticos e adaptación aos criterios de modernización de linguaxe administrativa. Na segunda parte, de carácter oral, consistirá en manter unha charla en galego cunha duración máxima de 10 minutos cos membros do Tribunal, na que se falará do documento obxecto da primeira parte deste exercicio e só se valorarán os aspectos citados, admitíndose as variantes dialectais.

Esta proba será eliminatoria e cualificarase como apto ou non apto. Sen embargo, ás persoas aspirantes que acrediten estar en Posesión do CELGA 4, ou equivalente, daraselles por superada esta proba coa calificación de apto (art. 23.5 D. 143/2008 segundo redacción do D. 77/2010).

8.2.- Mobilidade.

O procedemento de selección consistirá na comprobación, avaliación e cualificación dos méritos alegados e xustificados polos aspirantes, segundo o disposto no Anexo I da “Orde do 28 de xaneiro de 2009 pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, promoción interna e mobilidade nos corpos de policías locais” dictada pola Consellería de Presidencia, Administración Pública e Xustiza, en relación co baremo recollido no Anexo III destas bases.

Novena. Relación de Aprobados

Unha vez terminada a cualificación dos aspirantes, os Tribunais farán pública a relación de aprobados por orde decrecente de puntuación no taboleiro de edictos do Concello, precisándose que o número de aprobados non poderá pasar o número de prazas vacantes convocadas. Dita relación elevarase ao Presidente da Corporación, que a publicará no Boletín Oficial da Provincia de A Coruña.

O tribunal elaborará, tamén por orde decrecente de puntuación, unha lista de reserva, cun número de aspirantes que será como máximo igual ao de aprobados, na que figurarán aqueles aspirantes que, aínda que superaran o proceso selectivo, non resultasen aprobados por obter unha puntuación de ordinal inferior ao número de prazas convocadas. Esta lista de reserva ten por obxecto asegurar a cobertura das prazas convocadas cando se produzan renuncias dos aspirantes seleccionados, antes do seu nomeamento ou toma de posesión (art. 61.8 Lei 7/2007, EBEP).

Décima. Curso Selectivo

Os aspirantes á categoría de Policía Local deberán realizar e superar un curso selectivo, que convocará a Consellería de Presidencia.

Para aqueles que ingresen por primeira vez na categoría de policía o curso selectivo comprenderá tamén un período de prácticas que se desenvolverá no posto de traballo, dunha duración de tres meses continuados e realizarase ao final do curso teórico.

Undécima. Nomeamento

Unha vez superadas as probas selectivas, o curso de formación e o período de prácticas, os aspirantes serán nomeados funcionarios de carreira da escala e categoría correspondente.

Duodécima. Incidencias

As presentes bases e convocatoria poderán ser impugnadas de conformidade co establecido na Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.

Décimoterceira. Impugnación

A convocatoria, as súas bases e todos os actos administrativos que se deriven delas e da actuación do Tribunal poderán ser impugnados polos interesados, da maneira prevista na Lei de Procedemento Administrativo Común.

Décimocuarta. Lexislación Aplicable

No non previsto nas presentes bases será de aplicación o previsto na Lei 4/2007 de 20 de abril de Coordinación das Policías Locais, o Decreto 243/2008, polo que se desenvolve a lei 4/2007, de 20 de abril, de coordinación de policías locais, o Real Decreto 896/1991, de 7 de xuño, polo que se establecen as regras básicas e os programas mínimos a que debe axustarse o procedemento de selección dos funcionarios de Administración Local, e o Real Decreto 364/1995, de 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento Xeral de Ingreso do Persoal ao Servizo da Administración Xeral do Estado e de Provisión de Postos de Traballo e Promoción Profesional dos Funcionarios Civís da Administración Xeral do Estado.

ANEXO I

Probas físicas

A.1. - Comprobación da estatura e probas físicas.

Comprobación da estatura.

Antes de comezar as probas físicas efectuarase o control da estatura dos/as aspirantes, quedando eliminados/as os/as que non acaden a estatura mínima de 1,65 metros para os homes e 1,60 metros para as mulleres.

Probas físicas.

As probas de aptitude física terán a cualificación de «apto» ou «non apto». Para obter a cualificación de «apto» é necesario non superar as marcas establecidas como máximas para as probas A.1.1, A.1.4 e A.1.5, e alcanzar ou superar os mínimos das probas A.1.2 e A.1.3. Os exercicios realizaranse pola orde en que están relacionados e cada un é eliminatorio para realizar o seguinte.

Establécense diferentes marcas para cada sexo. As probas realizaranse de forma individual, agás as de velocidade, resistencia xeral e natación que poderán facerse de forma colectiva se así o considera o tribunal cualificador. Nas probas de resistencia xeral e natación disponse dunha soa posibilidade de execución; no resto permitirase unha segunda realización cando na primeira non se obteña a cualificación de «apto».

O desenvolvemento de cada unha das probas físicas deberá realizarse en lugares axeitados ao tipo de proba a executar. En todas as probas deberase empregar un sistema de medición que garanta a exactitude e certeza das marcas individuais obtidas por cada opositor.

A.1.1. Proba de velocidade: carreira de 50 metros lisos

Realizarase nunha pista de atletismo ou calquera zona totalmente chaira de terreo compacto.

O/a aspirante colocarase na pista no lugar sinalado, podendo realizar a saída de pé ou agachado, sen utilizar tacos de saída.

As marcas máximas (en minutos) esixidas para a superación da proba son:

Homes: 7,40’ – Mulleres: 8,20’

A.1.2. Proba de potencia de tren superior: os homes realizarán flexións de brazos e as mulleres suspensión en barra.

A.1.2.1. Flexións de brazos.

Realizarase en ximnasio ou campo de deportes.

Iniciarase dende a posición de suspensión pura, agarrando a barra coas palmas das mans núas, á fronte, e cos brazos totalmente estendidos.

A flexión completa realizarase de maneira que o queixo asome por enriba da barra. Antes de iniciar outra nova flexión será necesario estender totalmente os brazos. Non se permite o balanceo do corpo ou a axuda con movementos das pernas.

Contaranse soamente as flexións completas e realizadas correctamente. O número de flexións mínimo esixible é de 10 flexións.

A.1.2.2. Suspensión en barra.

Realizarase en ximnasio ou campo de deportes.

O exercicio consiste en quedar, o maior tempo posible, na posición que se describe: Brazos flexionados, presa coas palmas da man cara atrás, pernas completamente estendidas e sen tocar o chan, queixo situado por enriba da barra e sen ter contacto con ela.

O tempo mínimo esixido para a superación da proba é de 52 segundos.

A.1.3. Proba de potencia de tren inferior: salto horizontal.

Realizarase en ximnasio ou campo de deportes, con chan horizontal e, coa superficie adecuada para efectuar a medición das marcas.

O/a aspirante colocarase de pé detrás dunha liña sen pisala, cos pes separados, paralelos entre sí e á mesma altura. Realizará un salto horizontal caendo cos dous pes ao chan. Medirase a distancia entre a liña de saída ata a marca do apoio de caída máis próximo á liña.

As marcas mínimas (en centímetros) esixidas para a superación da proba son:

Homes: 210 cm - Mulleres: 185 cm.

A.1.4. Proba de resistencia xeral: carreira de 1.000 metros lisos.

Realizarase en pista de atletismo ou en calquera zona totalmente chá de terreo compacto.

O/a aspirante colocarase na pista no lugar indicado. A saída realizarase en pé.

Será eliminado o corredor que abandone a pista durante a carreira.

As marcas máximas (en minutos) esixidas para a superación da proba son:

Homes: 3,30’ – Mulleres 4,10’

A.1.5. Proba de natación: 25 metros estilo libre.

Realizarase nunha piscina que permita efectuar o percorrido sen facer viraxes.

O/a aspirante poderá colocarse para a saída, ben sobre a plataforma, ben no bordo da piscina, ou ben no interior do vaso, debendo permanecer neste último caso en contacto co bordo da saída.

Unha vez que se dea o sinal de saída, os/as aspirantes, ben en mergullo ou por impulsión sobre a parede, segundo a situación de partida adoptada, iniciarán a proba empregando calquera estilo para a súa progresión.

As marcas máximas (en segundos) para a superación da proba son:

Homes: 24’’ – Mulleres: 28’’

ANEXO II

Temario

1. O Estado. Concepto. Elementos. A división de poderes. Funcións. Organización do Estado español. Antecedentes constitucionais en España. A Constitución Española de 1978. Estrutura e contido. A reforma da Constitución Española. O Estado español como Estado Social e Democrático de Dereito. Dereitos e deberes constitucionais; clasificación e diferenciación.

2. Dereitos fundamentais e liberdades públicas I: Dereito á vida e integridade. Liberdade ideolóxica, relixiosa e de culto. Dereito á liberdade e seguridade. Dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe. A inviolabilidade do domicilio e o segredo das comunicacións. A liberdade de residencia e de circulación. O dereito á liberdade de expresión recoñecido no artigo 20 da Constitución.

3. Dereitos fundamentais e liberdades públicas II: Dereito de reunión. Dereito de asociación. Dereito á participación nos asuntos públicos e ao acceso a funcións e cargos públicos. A tutela xudicial efectiva e a prohibición de indefensión. A imposición de condena ou sanción do artigo 25 da Constitución, sentido das penas e medidas de seguridade. Prohibición de tribunais de honra. O dereito á educación e a liberdade de ensino. Dereito á sindicación e á folga, especial referencia aos membros das Forzas e Corpos de Seguridade. Dereito de petición.

4. Dereitos e deberes dos cidadáns. Os principios reitores da política social e económica. As garantías dos dereitos e liberdades. Suspensión xeral e individual destes. O Defensor do Pobo.

5. A Coroa. As Cortes Xerais. Estrutura e competencias. Procedemento de elaboración das leis. Formas de Goberno. O Goberno e a Administración. Relacións do Goberno coas Cortes Xerais. Funcións do Goberno.

6. O Poder Xudicial. Principios constitucionais. Estrutura e organización do sistema xudicial español. O Tribunal Constitucional.

7. Organización territorial de Estado. As comunidades autónomas. O Estatuto de Autonomía de Galicia. Estrutura e disposicións xerais. Institucións: Parlamento. Presidente e Consello de Goberno. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O valedor do pobo.

8. Relación da Xunta de Galicia coa Administración do Estado e con outras Comunidades Autónomas. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia. A reforma do Estatuto de Autonomía para Galicia.

9. O Dereito Administrativo. Fontes e xerarquía das normas.

10. O acto administrativo. Concepto. Elementos. Clases. A validez dos actos administrativos; nulidade e anulabilidade. Notificación de actos administrativos. Cómputo de prazos. Recursos administrativos. Alzada e reposición; o recurso extraordinario de revisión.

11. O procedemento administrativo. Concepto e principios xerais. Clases. Os interesados. A estrutura do procedemento administrativo.

12. O Réxime Local Español. Principios constitucionais e regulación xurídica. Tipos de entidades locais.

13. O municipio. Concepto e elementos. Competencias municipais. A provincia: concepto, elementos e competencias. A organización e funcionamento do municipio. O pleno. O alcalde. A xunta de goberno local. Outros órganos municipais.

14. Ordenanzas, regulamentos e bandos. Clases e procedemento de elaboración e aprobación.

15. A licenza municipal. Tipos. Actividades sometidas a licenza. Tramitación.

16. Función Pública Local. A súa organización. Adquisición e perda da condición de funcionario. Dereitos, deberes e incompatibilidades dos funcionarios. Situacións Administrativas.

17. Lei Orgánica de Forzas e Corpos de Seguridade. Funcións da Policía Local.

18. Lei de Coordinación das Policías Locais de Galicia e normas de desenvolvemento. Réxime disciplinario: Disposicións xerais e faltas disciplinarias.

19. A actividade da Policía Local como policía administrativa I: Consumo. Abastos. Mercados. Venda ambulante. Espectáculos e establecementos públicos.

20. A actividade da Policía Local como policía administrativa II: Urbanismo. Infraccións e sancións. A protección ambiental: prevención e calidade ambiental, residuos e disciplina ambiental.

21. A Lei de Emerxencias de Galicia: aspectos fundamentais.

22. Delitos e faltas. Circunstancias modificativas da responsabilidade criminal. Persoas responsables: autores e cómplices. Graos de perfección do delito.

23. Delitos cometidos con ocasión do exercicio dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas garantidos pola Constitución. Delitos cometidos polos funcionarios públicos contra as garantías constitucionais.

24. Delitos contra a Administración Pública. Atentados contra a Autoridade e os seus Axentes. Desordes públicas.

25. Homicidio e as súas formas. Faltas contra as persoas. Delitos e faltas contra o patrimonio e a orde socioeconómica.

26. Delitos contra a seguridade vial. Faltas cometidas con ocasión da circulación de vehículos a motor. Lesións e danos imprudentes.

27. O atestado policial na Lei de Axuizamento Criminal. Concepto e estrutura.

28. Detención: concepto, clases e supostos. Prazos de detención. Obrigas do funcionario que efectúa unha detención. Contido da asistencia letrada. Dereito do detido. Responsabilidades penais nas que pode incorrer o funcionario que efectúa unha detención. O procedemento de “Habeas corpus”.

29. Lei de Seguridade Vial. Regulamentos de desenvolvemento. Estrutura e conceptos xerais.

30. Normas xerais de circulación: lugar na vía, velocidade, Prioridade de paso, cambios de dirección e sentido. Adiantamentos. Parada e estacionamento.Vehículos e transportes especiais. Cinto e casco de seguridade.

31. Circulación por zonas peonís. Comportamento en caso de emerxencia. Sinais de circulación. Clasificación e orde de prioridade.

32. Procedemento sancionador por infraccións á Normativa de Circulación. Actuacións complementarias. Inmobilización e retirada de vehículos da vía pública. Carencia do seguro obrigatorio.

33. Accidentes de circulación: definición, tipos e actuacións da Policía Local. Alcoholemia. Datos. A súa consideración segundo a normativa vixente. Procedemento de indagación do grao de impregnación alcohólica.

34. Estrutura económica e social de Galicia: demografía, economía, servizos públicos, sociedade civil, novas tecnoloxías, patrimonio ecolóxico, social e cultural.

35. Vida en sociedade. Proceso de socialización. Formación de grupos sociais e masas. Procesos de exclusión e inclusión social. A delincuencia: tipoloxías e modelos explicativos

36. Comunicación: elementos, redes, fluxos, obstáculos. Comunicación con superiores e compañeiros. Equipos de traballo e atención á cidadanía.

37. Minorías étnicas e culturais. Racismo e xenofobia. Actitude policial ante a sociedade intercultural.

38. Igualdade de oportunidades de homes e mulleres en Galicia: conceptos básicos; socialización e igualdade; políticas públicas de igualdade de xénero. Violencia contra as mulleres: descrición, plans de erradicación e atención coordinada ás vítimas.

39. A Policía na sociedade democrática. O mandato constitucional. Valores que propugna a sociedade democrática. A dignidade da persoa. Sentido ético da prevención e a represión.

40. Deontoloxía policial. Normas que a establecen. A policía como servizo público.

ANEXO III

Baremo para os concursos de méritos para o sistema de mobilidade

O baremo de méritos do concurso para a provisión de prazas mediante o sistema de mobilidade é o que segue:

1. Titulacións académicas.

Tendo en conta o previsto no artigo 76º e na disposición transitoria terceira do Estatuto Básico do Empregado Público, as titulacións a baremar serán as seguintes:

-Título universitario de postgrao, doutor ou equivalente: 3,00 puntos.

-Título universitario de grao, licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalente: 2,00 puntos.

-Técnico superior, diplomado universitario, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico, diplomado superior en criminoloxía, ciencias policiais ou equivalente: 1,50 punto.

-Bacharel, técnico ou equivalente: 0,50 puntos.

Non se valorará a titulación requirida para o acceso á categoría a que se aspira, salvo que se posúa máis dunha.

Tampouco se terán en conta, para os efectos de valoración, as titulacións necesarias ou as que se empregasen como vía de acceso para a obtención dunha titulación superior xa valorada.

Para os efectos de equivalencia de titulación só se admitirán as recoñecidas polo ministerio competente na materia como títulos académicos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, debendo achegarse a correspondente declaración oficial de equivalencia, ou disposición na que se estableza a mesma e, se é o caso, o BOE en que se publica.

Só se valorarán os títulos antes citados, non os cursos realizados para a súa obtención.

2. Antigüidade.

Para os efectos de valoración da antigüidade só serán tidos en conta os servizos prestados como funcionario de carreira.

-Por cada ano de servizos, ou fracción superior a seis meses, prestados nos corpos de policía local: 0,20 puntos.

-Por cada ano de servizos, ou fracción superior a seis meses, prestados noutros corpos e forzas de seguranza: 0,10 puntos.

-Por cada ano de servizos, ou fracción superior a seis meses, prestados noutros corpos das administracións públicas: 0,05 puntos.

3. Formación e docencia.

3.1. Formación profesional continua:

3.1.1. Os cursos de formación profesional ou outras actividades formativas desenvolvidas directamente pola Academia Galega de Seguridade Pública, ou mediante convenios ou protocolos de colaboración con concellos, deputacións e outras entidades públicas, serán valorados de acordo ao seguinte baremo:

-Cada hora presencial en actividades con exame de aproveitamento: 0,025 puntos.

-Cada hora a distancia en actividades con exame de aproveitamento: 0,020 puntos.

-Cada hora en actividades formativas de asistencia presencial: 0,015 puntos.

-Cada hora en actividades formativas de asistencia en formación en liña: 0,010 puntos.

3.1.2. Os cursos de manifesto interese policial homologados pola Academia Galega de Seguridade Pública, superados nas universidades, administracións públicas ou a través dos plans de formación continua, serán valorados de acordo ao seguinte baremo:

-Ata 20 horas lectivas: só asistencia 0,20 puntos; aproveitamento 0,30 puntos.

-Entre 21 e 40 horas lectivas: só asistencia 0,35 puntos; aproveitamento 0,50 puntos.

-Entre 41 e 70 horas lectivas: só asistencia 0,45 puntos; aproveitamento 0,65 puntos.

-Entre 71 e 100 horas lectivas: só asistencia 0,50 puntos; aproveitamento 0,75 puntos.

-Entre 101 e 200 horas lectivas: só asistencia 0,75 puntos; aproveitamento 1,00 puntos.

-Máis de 200 horas lectivas: só asistencia 1,00 puntos; aproveitamento 1,30 puntos.

Non se terán en conta, para os efectos de valoración: os cursos obrigatorios que formen parte do proceso de selección para o acceso a calquera categoría ou emprego dos corpos e forzas de seguranza; os cursos repetidos, salvo que transcorrese un período superior a cinco anos desde a finalización do primeiro curso e os cursos necesarios para a obtención das titulacións da epígrafe A.1 do anexo II desta orde, nin a superación de materias deles.

3.2. Docencia:

3.2.1. A participación como profesor en cursos ou outras actividades formativas desenvolvidas directamente pola Academia Galega de Seguridade Pública, ou mediante convenios ou protocolos de colaboración con concellos, deputacións e outras entidades públicas, dirixidos en particular aos corpos de policía local, ou tamén ao colectivo das forzas e corpos de seguranza, valoraranse por hora impartida a razón de:

-Cada hora en actividades formativas de asistencia presencial: 0,020 puntos.

-Cada hora en actividades de formación en liña: 0,015 puntos.

3.2.2. A participación como profesor en cursos ou outras actividades formativas de manifesto interese policial dirixidos en particular aos corpos de policía local, ou tamén ao colectivo das forzas e corpos de seguranza, desenvolvidos nas universidades, administracións públicas ou a través dos plans de formación continua, valoraranse por hora impartida a razón de:

-Cada hora en actividades formativas de asistencia presencial: 0,015 puntos.

-Cada hora en actividades de formación en liña: 0,010 puntos.

O mesmo curso impartido en máis dunha ocasión só computará unha vez, agás que transcorrese un período superior a cinco anos desde a súa impartición.

Os méritos desta epígrafe A.3 deberán acreditarse dentro do prazo que se determine, mediante a presentación dos diplomas ou certificados correspondentes, que expresarán claramente os contidos xerais e as horas de formación ou docencia, se é o caso.

4. Distincións e recompensas oficiais.

-Placa individual ao mérito da policía local: 2,00 puntos.

-Placa colectiva ao mérito da policía local: 1,5 puntos.

-Medalla ao mérito da policía local: 1,00 punto.

-Medalla ou cruz ao mérito policial doutros corpos: 0,75 puntos.

-Distincións do órgano colexiado competente do concello: 0,25 puntos.

5. Idiomas.

O coñecemento doutro idioma distinto do español e do galego, acreditado por certificado de escola oficial de idiomas, valorarase a razón de:

Ciclos.

-Certificado de superación do ciclo elemental: 1,00 puntos.

-Certificado de superación do ciclo superior: 2,00 puntos.

Niveis.

-Certificado superación nivel básico: 0,65 puntos.

-Certificado superación nivel intermedio: 1,30 puntos.

-Certificado superación nivel avanzado: 2,00 puntos.

Só se terá en conta o ciclo ou nivel de máis valor dos que se acrediten.

6. Lingua galega.

-Celga 1: 0,25.

-Celga 2: 0,50.

-Celga 3: 0,75.

-Celga 4: 1,00.

-Anterior curso de iniciación: 0,75.

-Anterior curso de perfeccionamento: 1,00.

-Linguaxe administrativa nivel medio: 1,50.

-Linguaxe administrativa nivel superior: 2,00.

Só se terá en conta o título de máis nivel dos que se acrediten.

Cedeira, o 14 de outubro de 2010.

O Alcalde,

Asdo. José Luís Vergara Rey

Link: BOPONLine



 
     Enlaces Relacionados
· Más Acerca de PHP-Nuke
· Noticias de Tono


Noticia más leída sobre PHP-Nuke:
Concello de Cedeira - Municipais Maio 2011


     Votos del Artículo
Puntuación Promedio: 0
votos: 0

Por favor tómate un segundo y vota por este artículo:

Excelente
Muy Bueno
Bueno
Regular
Malo


     Opciones

 Versión Imprimible Versión Imprimible


Tópicos Asociados

PHP-Nuke

"Convocatoria e bases de dúas prazas de Policía Local incluí" | Entrar/Crear Cuenta | 0 Comentarios
Los comentarios son propiedad de quien los envió. No somos responsables por su contenido.

No se permiten comentarios Anónimos, Regístrate por favor




© 2003-2019 Café Bar A MARINA
Tódolos dereitos reservados



PHP-Nuke Copyright © 2005 por Francisco Burzi. Este es software libre y puedes redistribuirlo bajo licencia GPL. PHP-Nuke no cuenta con absolutamente ninguna garantía
Página Generada en: 0.37 Segundos